DUVI

Diario da Universidade de Vigo

PictoDroid Lite foi deseñada por enxeñeiros de Telecomunicación en colaboración con pedagogos

Unha aplicación para Android baseada en pictogramas mellora a comunicación de persoas con discapacidade

Froito da cooperación do grupo GTI e o CEE Manuel López Navalón nace o proxecto Accegal

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/12/2011
Tras varios anos de traballo conxunto entre o Grupo de Tecnoloxías da Información da EE de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela esta colaboración vén de consolidarse coa creación de Accegal, un proxecto para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles. A acollida social destas achegas desinteresadas para mellorar a comunicación das persoas con necesidades especiais está sendo moi boa, especialmente entre os pais e nais con fillos con problemas como parálise cerebral ou autismo. Ao fronte de Accegal están Enrique Costa Montenegro, profesor do grupo GTI e Fátima García Doval, pedagoga e directora do centro educativo compostelano. Froito desta cooperación desinteresada veñen de lanzarse tres novas aplicacións, unha delas, o PictoDroid Lite, presentada recentemente no AppCircus, un concurso de aplicacións móbiles organizada ao abeiro de MobileConGal, a conferencia de creadores para móbiles de Galicia na que se deron cita preto de 150 profesionais.

Unha aplicación que aposta polos pictogramas

PictoDroid Lite é unha aplicación para dispositivos Android que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Esta versión Lite unicamente permite expresar accións moi concretas, sen a posibilidade de crear oracións complexas. Por exemplo, permite crear frases con suxeitos como "imos a…" ; "quero xogar…" ; "quero ir ao baño"; "quero beber…" ; "quero comer ...", etc. Ao completar a selección de pictos, o sistema procederá á lectura da frase formada. Outra vantaxe é que todos os pictos poden ser modificados ou eliminados e é posible engadir tantos como sexa necesario.

PictoDroid Lite está dispoñible no Android Market e pode descargarse directamente da páxina de Accegal, na que está tamén o manual de usuario. Ademais, a web ofrece vídeos titoriais tanto sobre o uso como sobre a instalación e os creadores están á disposición dos usuarios que precisen a súa axuda para adaptalo a necesidades e condicións concretas, así como para actualizado segundo as demandas. A aplicación emprega os pictos de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos con licencia Creative Commons, aínda que é posible configurala para utilizar outros pictos e incluso imáxes reais.

Contra os prezos obscenos de aplicacións accesibles

A pesar de non ter gañado no AppCircus, dado que os criterios eran basicamente comerciais, Enrique Costa explica que “o feito de ser finalistas neste tipo de certames e ter a oportunidade de falar do noso traballo ante un público tan especializado e con posibilidade de alianzas futuras é xa todo un premio”. Neste foro, os directores de Accegal xunto con Jonathan Juncal, enxeñeiro do proxecto, defenderon o valor de aplicacións como as súas nos plans de responsabilidade social das empresas. E é que unha das loitas destes investigadores é a prol da tecnoloxía accesible en todos os termos, tamén no económico e denuncian prezos “obscenos e desorbitados” de aplicacións imprescindibles para determinadas persoas que representan un “público sensible e cautivo”. Con todo, destacan que non están en contra da comercialización de aplicacións, “non cremos que todas deban ser de balde”, incide Costa, pero subliñan a necesidade dunha accesibilidade real con independencia dos recursos económicos das familias.

Proxectos de futuro

Dende Accegal continúan traballando conxuntamente con outros centros, asociacións e particulares, de modo totalmente desinteresado e sen ánimo de lucro para que as aplicacións sexan de balde e funcionen en dispositivos de baixo custo, de modo que sexan accesibles para calquera usuario e permitan expresarse a calquera persoa con discapacidade ou necesidades comunicativas especiais.

Entre os proxectos que están comezando a desenvolver está unha aplicación Android para persoas con discapacidades auditivas para o visionado de subtítulos en cines. Por outra banda, avanzarán tamén no deseño e desenvolvemento de unha aplicación Android para a modificación de conducta mediante alarmas, que permita lembrar determinados eventos e accións a persoas.