DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurada polo reitor, Alberto Gago

A aplicación de criterios de sosteniblidade á planificación territorial centra unha xornada

A conferencia inaugural correu a cargo de Emilio Fernández Suárez, director xeral de Desenvolvemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 21/10/2008
Poñer de manifesto a necesidade de introducir a sostenibilidade como unha ferramenta indispensable para o planeamento territorial é o obxectivo da xornada A planificación ante a Avaliación Ambiental Estratéxica, celebrada no salón de actos do Centro Cultural Caixanova. “A día de hoxe, o urbanismo precisa ter en conta os criterios ambientais, tanto a medio como a longo prazo”, dixo Alberto Gago, reitor da Universidade, durante a inauguración desta sesión técnica. “Nós mesmos temos asumida esta mensaxe dende hai anos e pronto presentaremos catro novos másters oficiais centrados nos temas que aquí se desenvolven”, engadiu.
Pola súa banda, Gonzalo Méndez, profesor de Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e organizador da xornada, considera que a recente incorporación da avaliación medioambiental fai que as súas posibilidades aínda non estean correctamente asumidas por parte da administración e das consultoras especializadas. Por este motivo, “con esta sesión queremos sensibilizar a técnicos municipais e profesionais relacionados co ámbito sobre o interese de integrar no seu traballo os criterios de sostenibilidade”, segundo as súas verbas.
Organizado pola Universidade en colaboración coa FEGAMP e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o acto desenvólvese seguindo un fluxo que leva ao público desde os criterios máis estratéxicos do planeamento territorial ata os conceptos prácticos da arquitectura ecolóxica.

Conferencia inaugural a cargo de Emilio Fernández Suárez

O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez, foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural, na que reflexionou sobre o problema da sostenibilidade, que “neste momento é unha preocupación a nivel global”, dixo.
Para medir este concepto úsase como indicador a pegada ecolóxica, posto que dende o punto de vista didáctico e o máis claro por tratase “dunha variable que permite saber qué superficie do planeta precisa cada individuo para sobrevivir durante un ano”, segundo palabras do director xeral, que engadiu que “se calcula usando os quilogramos de vexetais que consumimos, os residuos que xeramos e a enerxía que empregamos”. Neste momento, a suma destas variables é de dúas hectáreas, aproximadamente dous campos de fútbol, co que xa estamos por encima da capacidade biolóxica da Terra.
O incremento da pegada ecolóxica débese ao aumento do consumo de enerxía e da emisión de CO2, pero “está relacionado en última instancia con elementos máis profundos como o comportamento demográfico”, explicou Fernández Suárez. Para ilustrar as súas palabras sinalou que na actualidade o planeta ten 6.630 millóns de habitantes cunha capacidade de transformación enerxética tremendamente superior á dos nosos antepasados.
Con respecto á avaliación ambiental estratéxica, o director xeral de Desenvolvemento Sostible considera que se trata dun proceso complexo que debe buscar o equilibrio entre tres factores: o económico, o social e o medioambiental.