DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Alfonso Rodríguez Molares serviu para incrementar a precisión do software SONarchitect

A aplicación do método Monte Carlo permite unha mellor precisión do illamento acústico

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 11/05/2011

Incrementar a precisión do software SONarchitect, unha ferramenta de predición do illamento acústico en edificios, producida pola compañía Sound of Numbers, spin-off da Universidade de Vigo, foi o punto de partida da tese de Alfonso Rodríguez Molares, que na súa investigación aplicou o método Monte Carlo para estudar a variabilidade de certos fenómenos acústicos. Este método, proposto en 1946 polo científico polaco Stanis?aw Ulam, no marco do proxecto Manhattan, no que se desenvolveron as primeiras armas termonucleares, basease nunha idea extremadamente sinxela, nas mostraxes repetitivas e aleatorias de procesos simulados mediante ordenador.

Dirixida por Manuel A. Sobreira, esta investigación ten tras de si decenas de millóns de simulacións, parte delas levadas a cabo nas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, que foron precisas para analizar a sensibilidade de diversos fenómenos de xeración e propagación acústica fronte a pequenas variacións de entrada. Deste xeito logrouse predicir, cun grao de precisión “sen precedentes no eido da metroloxía acústica”, segundo explica Rodríguez Molares, a variabilidade inherente a procesos tan diversos como a calibración de micrófonos en campo libre, a predición do illamento acústico na edificación, a influencia da distribución espacial no ruído de tráfico ou a determinación da enerxía acústica en campos reverberantes. Agora “pode mellorarse a precisión dos micrófonos, e polo tanto das medicións que se fan con eles”, recoñece.

A investigación parte da base de que “poñer en cuestión todo de modo sistemático é a base na que se asentou a ciencia moderna e segue sendo a marca distintiva do proceder científico”. Trátase dunha dúbida que non se afasta moito, segundo el mesmo explica “da incerteza propia dos galegos, sempre ligada á nosa forma de ver e entender o mundo”.

Porén, “a nosa incredulidade de a pé esvaecese fronte a unha fe cega nos medios e instrumentos tecnolóxicos” recorda o investigador. “Unha cinta métrica común permítenos medir, por exemplo, a altura dun determinado suxeito coa precisión dun centímetro. Pero, debido á acción da gravidade nas nosas articulacións e ósos, medimos un centímetro máis se nos miden deitados que se nos miden de pé. Somos máis altos pola mañá que pola noite, e basta facer uns cantos estiramentos de columna para gañar altura de inmediato”, recoñece. É dicir, a variabilidade, ou incerteza, dunha medida non depende unicamente da precisión do instrumento co que se mide, senón tamén da propia variabilidade do proceso.

Ampla traxectoria investigadora

O traballo desenvolvido nesta tese, titulada A Monte Carlo approach to the analysis of uncertainty in Acoustics, ven avalado pola traxectoria científica do investigador, que conta xa con sete publicacións en revistas de recoñecido prestixio tales como Applied Acoustics ou The Jounal of the Acoustical Society of America e con máis de vinte contribucións en congresos internacionais. Non obstante, coa defensa da súa tese, Rodríguez Molares non da por rematado o seu traballo no ámbito da acústica computacional. A aplicación do método Monte Carlo prové de novos desafíos que requiren dun maior esforzo creativo e innovador, coma o estudio dos campos acústicos non-lineais na industria aeroespacial ou o refinamento dos protocolos de comunicación na acústica submarina.

Mellorando un bo produto

SONarchitect é o produto estrela que comercializa a spin-off da Universidade, SON (Sound of Numbers). Trátase dun programa que fai o proxecto acústico dun edificio completo e permite a súa verificación integral dando resposta á crecente demanda de ferramentas software que dean cobertura aos profesionais do sector da construción na aplicación e xustificación do Documento Básico de Protección fronte ao Ruído DB-HR. A súa novidade radica en que é unha aplicación capaz de efectuar automaticamente o cálculo de todos os recintos dun edificio e de xerar as fichas xustificativas necesarias para acreditar o cumprimento dos requisitos do CTE.