DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñada polo estudante de Enxeñería de Telecomunicación Iván Pérez

Unha aplicación permite que as persoas con discapacidade auditiva vexan os subtítulos dos cines no móbil

Tería un custe mínimo e unha sinxela implantación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/11/2012
Non sería nin complexo nin caro. De momento é unha idea, un deseño elaborado polo estudante de Enxeñería de Telecomunicación Ivan Pérez para o seu proxecto fin de carreira. Trátase dunha aplicación Android para persoas con discapacidades auditivas para o visionado de subtítulos en cines. Basicamente, explica o estudante, “este sistema está desenvolvido para que persoas con discapacidades auditivas poidan ir ao cine e ver no seu propio teléfono móbil os subtítulos sincronizados da película que se está proxectando”. Para isto, a sala ten que ter un servidor onde se almacenen os subtítulos e se dea información para a sincronización. Deste xeito, o usuario “chega ao cine, lanza a nosa aplicación que se comunica con dito servidor e se encarga de mostrarlle os subtítulos”.

Por outra banda, esta aplicación sería de utilidade tamén para aquelas persoas que non comprendan o idioma no que se proxecta o filme, amosando os subtítulos nunha lingua que si poida entender. Por exemplo, un turista que acode a un cine do país que visita. Para que esta aplicación funcione creouse un servidor que contén os subtítulos das películas que están dispoñibles na carteleira. O dispositivo móbil simplemente debe conectarse a este servidor para descargar os subtítulos descargados e sincronizarse coa película. Así, este sistema consta de dúas partes ben diferenciadas. Por unha banda o xestor de arquivos no servidor e por outro a aplicación Android, que permite que cada usuario configure as cores de texto e fondo, así como o tamaño da fonte e o idioma.

De sinxela implantación

Iván Pérez explica que se trata dunha ferramenta cun custe mínimo e unha sinxela aplicación. “Sería factible que os cines a incorporasen, só terían que contar un PC que actúe como servidor, no que ter cargados os subtítulos das películas e unha conexión wifi para que se poida acceder ao servidor”, explica o investigador. Pola súa banda, a aplicación para Android estaría dispoñible de balde na web de Accegal, proxecto no que se enmarca esta iniciativa e que busca solucións para persoas con diferentes tipos de discapacidade.

Esta solución tecnolóxica viría a dar unha solución a todas aquelas persoas con algún tipo de discapacidade auditiva. Na actualidade a única alternativa que teñen é a Versión Orixinal Subtitulada, pero os datos non revelan que esta sexa unha verdadeira alternativa. Das 4080 salas de cine en España, en 2010 tan só 125 emitiron VOS, e dos 1555 filmes exhibidos nese ano, tan só se subtitularon 439. A maioría das salas con VOS atópanse nas grandes cidades, especialmente Madrid e Barcelona, deixando á marxe e boa parte da poboación. O investigador destaca tamén que “nos subtítulos para este tipo de persoas é preciso presentar tamén en subtítulos sons coma disparos, ouveos, murmurios, choros, etc e isto non o ofrece o VOS”. Outra vantaxe deste sistema é que nunha película subtitulada en pantalla existe un efecto negativo nas persoas que non o precisan, interferindo texto e imaxe. Con esta aplicación, amosando o subtítulo no teléfono, ou subtítulo pechado, “evítase a interferencia para os resto dos espectadores”.

As gafas, a seguinte innovación

O uso ideal desta aplicación tería unhas gafas como elemento central. Evitaríase así ter que ler os subtítulos no móbil para sobrepoñelos nunhas lentes que amosen os subtítulos superpostos na imaxe da película. Iván Pérez explica que estas gafas xa existen nalgunhas salas de cine de Sony en EEUU, “pero trátase dun sistema privativo”. Na actualidade, Google está desenvolvendo unhas gafas deste tipo con sistema operativo Android, “que se poderían axustar perfectamente a este proxecto, adaptando o código para amosar os subtítulos na parte inferior da mesmas e ver de fondo a película”. Aínda que estas lentes non teñen data de saída ao mercado, si se sabe que se atopan en fase de proba piloto e poderían converterse nun complemento acaído para a ferramenta deseñada por Iván Pérez.