DUVI

Diario da Universidade de Vigo

14ª edición do Concurso de Proxecto Tecnolóxicos, organizado pola ESEI e Expourense

Aplicar as novas tecnoloxías á vida cotiá terá premio

Repartiranse 1400 euros en galardóns para os gañadores, que se coñecerán o vindeiro 2 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 10/11/2014
Impulsar o emprendemento e vincular a investigación universitaria ao eido empresarial. Eses son os obxectivos principais cos que chega a décimo cuarta edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática e Expourense e financiado pola Deputación de Ourense co que cada ano se convida ao alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades de Galicia e do Norte de Portugal a presentar os traballos de fin de estudos máis innovadores.

Esta nova edición quere servir non só de escaparate do talento dos futuros profesionais e o traballo en I+D+i que se fai nas institucións académicas, senón tamén para sensibilizar ás empresas sobre os beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de produción, polo que teñen cabida todos aqueles traballos “onde prime unha clara aplicación das súas ideas ao mundo empresarial e que estean vinculadas coa realidade e as necesidades cotiás”. O certame foi presentado este luns no Pazo Provincial por Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense; por Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, e por Alejandro Rubín, director xerente de Expourense, que sinalaron que este certame pretende “pór en valor a investigación e a creatividade aplicada á tecnoloxía dos nosos universitarios para que poidan ter a súa continuidade no eido empresarial, especialmente no que atinxe á informática e ás telecomunicacións”.

Dúas modalidades e premio do público en Facebook

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos chega a súa décimo cuarta edición consolidado como unha gran oportunidade para os estudantes do sector da Eurorrexión para dar a coñecer as súas ideas. O certame estará dividido en dúas modalidades: á modalidade A poderán concorrer os estudantes dos títulos de Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e da comunicación; á modalidade B poderán presentarse todos aqueles alumnos e alumnas dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. En total repartiranse 1400 euros en premios, tres por cada categoría, sendo os primeiros de 500 e 350 euros respectivamente.

Un dos requisitos para poder participar será ademais a creación dunha páxina en Facebook na que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos... que se considere oportuna sobre o seu proxecto. A páxinas que consiga máis ‘Gústame’ obterá o premio do público, que consistirá nunha estancia nun balneario ou nun libro electrónico.

Todos os candidatos poden presentar o seu proxecto ata o vindeiro 25 de novembro e os galardóns serán entregados na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense o 2 de decembro.O xurado reunirase ese día e nomeará aos finalistas, que terán que defender o seu traballo durante 10 minutos. Co obxectivo de facilitarlle a participación no concurso aos estudantes das universidades de A Coruña e Santiago de Compostela, a organización pon a disposición dos participantes un bono desconto do 35% en RENFE (inclúe AVANT) que se pode descargar en www.expourense.org.