DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes ucraínos están a cursar neste intre algunha titulación na Universidade 

Apoio psicopedagóxico a estudantes e coordinación con ministerios e ONG,s: accións da UVigo ante a guerra en Ucraína

A institución amosa a súa disposición a apoiar e cooperar con persoas refuxiadas 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/03/2022

“Desde a UVigo permanecemos atentos ao desenvolvemento dos acontecementos e estamos a disposición de Cruz Vermella e dos diferentes ministerios para calquera cuestión que sexa necesario impulsar, o que incluiría o apoio a persoas refuxiadas”. Nestes termos describe Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, a posición da Universidade de Vigo ante a guerra de Ucraína, iniciada hai nove días. Catro estudantes deste país cursa neste intre na UVigo algún programa de grao, mestrado e doutoramento, alumando ao que Universidade está a facer seguimento, e ao que se lle ofreceu apoio psicopedagóxico e a posibilidade de chamar ás súas familias desde teléfonos da institución. Así mesmo, Doval avanza a disposición da Universidade, se fose preciso, a prolongar as estancias destes estudantes ucraínos na UVigo dentro das normas do programa Erasmus+.

Pola contra, a UVigo non ten neste intre estudantes, PDI ou PAS, nin en Ucraína, nin e Rusia, país de procedencia de 15 estudantes chegados este curso á Universidade de Vigo a través de programas de mobilidade e como estudantes propios en programas de grao, máster e doutoramento. “Ao alumnado ruso que temos na UVigo tamén lle estamos facendo seguimento e, pedíusenos que as situacións que xurdan con persoas desta nacionalidade se deriven á Embaixada de Rusia en España, que debería darlles resposta”, explica a vicerreitora, que se amosa profundamente consternada polas consecuencias que a guerra está a ter na poboación ucraína e moi especialmente no seu sistema educativo. 

En canto ao estudantado da UVigo que se atopa desprazado en países limítrofes con Ucraína, desde a Universidade de Vigo, ademais de trasladarlles mensaxes de tranquilidade, se lles instou a que se inscriban no rexistro consular e estean atentos ás recomendacións do Ministerio de Asuntos Exteriores, a UE e Cooperación, así como a permanecer en contacto cos corpos consulares máis próximos. Por se o estudantado de intercambio da UVigo aínda non seguiu esta recomendación, desde a Oficina de Relacións Internacionais xa se enviaron os seus datos a todas as embaixadas e consulados en Europa por se fose preciso organizar algunha repatriación, “algo que polo momento, segundo nos informan desde o Sepie, Servicio Español para la Internacionalización de la Educación, e o Ministerio, non está previsto”, confirma Doval. 

Moitas liñas de cooperación abertas

Ademais de colaborar coa Cruz Vermella, “que nos confirma que polo momento non está a facer aprovisionamento de materiais para enviar a Ucraína e que seguen instrucións de Cruz Vermella Ucraína”, aclara Doval, a UVigo tamén segue as recomendacións de Crue Universidades Españolas e Sepie, coa finalidade de coordinar actuacións. “Moitos membros da comunidade universitaria amosan o seu interese en colaborar, esta é unha institución moi solidaria, pero este tipo de axudas internacionais, ao tratase dun conflito bélico, deben estar coordinadas polas instancias oportunas (ministerios, Sepie e Cruz Vermella Internacional)”, explica Maribel Doval, que insiste en que neste intre cómpre dar prioridade ás achegas económicas.

Así mesmo, a vicerreitora agradece as inicitivas dalgúns centros da UVigo de propoñer accións, como impulsar unha cooperación con persoas ucraínas refuxiadas de guerra, “consistente nunha primeira orientación legal e laboral por parte de alumnado voluntario dos últimos cursos dos nosos graos en Dereito e RRLL e RRHH e Traballo Social, así como de certos mestrados”, detalla Doval, que avanza que esta sería unha actividade ligada á metodoloxía de Aprendizaxe Baseado en Problemas e Metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo e sempre en coordinación cos ministerios e entidades competentes.