DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fronte ás propostas que presentarán ante o Ministerio de Educación Las Palma e Cádiz

O apoio do sector pesqueiro, acuícola e naval será o selo distintivo do Campus do Mar

Este martes sumouse ao proxecto a Cooperativa de Armadores de Vigo e as principais asociacións de ar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/03/2010

O Campus do Mar segue sumando apoios e hoxe incorporou o que, en verbas do reitor, Alberto Gago, suporá “a peza máis distintiva” con respecto ao resto de proxectos que competirán con Vigo por acadar o selo de Excelencia en ciencia e tecnoloxía mariña, en referencia aos proxectos que se presentarán en Las Palmas e Cádiz. Trátase do apoio da Cooperativa de Armadores de Vigo e das principais asociacións de armadores e buques de pesca e das organizacións de produtores que materializaron o seu entusiasmo co proxecto a través da sinatura dun acordo de colaboración.
“Se vemos detrás de cada unha das propostas que nos imos presentar a esta convocatoria o que descubrimos é unha enorme diferenza con respecto aos sectores produtivos que apoian a cada unha” en referencia á gran baza que supón para Vigo, non só dispor dunha localización privilexiada, como é a Antiga Escola de Transmisión e Electrónica da Armada, ETEA, senón tamén contar co apoio dos tres sectores fundamentais neste ámbito: a pesca, a acuicultura e o naval.

Datas claves do proceso e posibilidades

O vindeiro 6 de abril será unha das datas claves deste proceso, pois será entón cando viaxen a Madrid o reitor e o comisionado para o Campus do Mar, Emilio Fernández, para “resolver as últimas dúbidas e palpar o ambiente no ministerio”, tal como subliñou Gago. Logo, a convocatoria manterase aberta ata a segunda quincena de maio “e darannos un par de meses para, si pasamos o primeiro filtro, presentar o proxecto definitivo cara finais de xullo”, explicou o reitor.
En canto ás posibilidades de acadar o selo de distinción, Gago subliñou que “seguimos coas mesmas posibilidades e rivais de sempre”, se ben anunciou tamén novidades, algunha de importante calado, como o feito de que “a Universidade de Vigo en exclusiva achegaría ao proxecto arredor de 500 doutores en ciencia e tecnoloxía mariña”, unha cifra á que habería que engadir os doutores que se sumen ao proxecto dende as outras dúas universidades galegas e as tres do Norte de Portugal. “ En total estariamos a falar de entre 1200 e 1500 investigadores. Só da ETSE de Telecomunicación, por citar un exemplo, hai 160 doutores traballando nestes temas”, subliñou Gago.

Un proxecto que sairá adiante con ou sen apoio do ministerio

A fortaleza que está a adquirir o proxecto, sobre todo tras o apoio da Xunta coa cesión dos terreos da ETEA, motivou tamén que o reitor insistise unha vez máis en que haberá Campus do Mar aconteza o que aconteza na competición do Ministerio de Educación. “Pode custar máis tempo porque haberá menos financiamento pero a nosa vontade é que haxa Campus do Mar cos socios que temos e que apostemos forte por intentalo entre todos”, subliñou Gago. “Estamos tan obrigados pola recepción que estamos recibindo en todas partes e polos ánimos que nos trasladan que, por suposto, o proxecto sairá adiante, se non é en cinco anos será en dez, pero sairá”, engadiu.

Da telemedicina a eficiencia enerxética, múltiples vías de colaboración

O aval dos armadores ao proxecto fíxose patente cun acordo de colaboración que foi asinado por Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI, e de Clupesca, así como polos presidentes das principais asociacións de armadores e buques de pesca e das organizacións de produtores.
Touza explicou que se trata dun proxecto fundamental para o desenvolvemento futuro de Vigo, unha cidade que, dende o seu punto de vista, “está chamada a ser a capital da Eurorrexión”. Ademais, sinalou o proxecto como “unha das mellores leccións que se poden dar á cidadanía” nuns intres aos que se referiu como de “gran crispación” entre o norte e sur. “Que mellor exemplo ca que as universidades, galegas e portuguesas, e o sector pesqueiro vaiamos todos unidos da man”, ao tempo que insistiu en que “hai que unir esforzos, non dividir” aseverou.
Así mesmo, o presidente de Arvi tamén puxo o Campus do Mar como exemplo perfecto do modelo coñecido como da tripla hélice, caracterizado pola colaboración entre universidade, administración e empresa, “para poder progresar é necesario que vaiamos da man e isto é o que se está a facer co Campus do Mar”, insistiu.
Telemedicina, efeciencia enerxética, seguridade, comunicacións, teledetección, industria cosmética e farmaceútica ou biotecnoloxía son algúns dos campos nos que Touza insistiu en que se pode colaborar entre ambas institucións.