DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebración dunhas eleccións ficticias incluídas na materia ‘Técnicas de propaganda electoral’

A aposta pola felicidade do estudante convence ao electorado

O partido MAC, Movemento de Alumnos Contentos, gañou por maioría absoluta en CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 11/05/2011

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación viviuse este mércores un ambiente electoral, a pesar de faltar algo máis de dez días para o 22 de maio. Tratábase do alumnado de 4º de Publicidade e Relacións Públicas, que celebrou unhas eleccións coa participación de tres partidos ficticios, FLEMA, MAC e Pro Europa, actividade inserida na materia de Técnicas de Propaganda Electoral, “na que levaron á práctica o ensinado na clase”, comentou Xosé Rúas, profesor responsable. O escrutinio final deu como gañador a MAC, Movemento de Alumnos Contentos, con maioría absoluta, que defendía no seu programa “a felicidade integral do estudante”.

As votacións deron como claro gañador ao partido que defendía en primeiro termo os intereses dos alumnos e alumnas da facultade, cun total de 92 votos, fronte aos 52 de FLEMA, que promulgaba unha perspectiva antisistema, e aos 50 de Pro Europa, formado por estudantes de intercambio. Nesta eleccións tiveron dereito a voto todo o persoal PAS e PDI, ademais do alumnado de toda a facultade. Como explicou Xosé Rúas, esta actividade supuxo “un xogo de rol no que o alumnado tivo que organizar e protagonizar eventos típicos dunha campaña electoral, coa celebración de mitins, debates ou actos de presentación de candidatos”. En definitiva, trátase de que o alumnado “experimente en primeira persoa todas as fases da campaña, desde a investigación ata a planificación e a estratexia a seguir”. Tal é a importancia deste tipo de formación que “nas eleccións do 22M antigos alumnos están traballando como profesionais da comunicación electoral”.

Unha experiencia “cargada de nervios”

Todos os partidos participantes nestas eleccións ficticias coincidiron “no enriquecedora da actividade”, aínda que supuxo “traballar con moita tensión e moitos nervios”. Grazas a esta experiencia, na que se xogaban 1,5 puntos da nota final, algúns dos alumnos como Sandra Souto reflexionan sobre a posibilidade de dedicarse no futuro á comunicación política porque “realizar esta actividade foi o que máis me motivou durante a carreira”. Pola súa banda, Roberto Nespereira, candidato polo partido Pro Europa, destacou que aprendeu a importancia de “buscar a estratexia de comunicación idónea que atraia a confianza e o voto do cidadán”, ademais da necesidade “de ir sempre na súa procura, sendo clave o emprego das redes sociais”.