DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Dacosta, director da Mostra de Teatro Infantil

"A aposta da Universidade polo teatro é un xeito de estar a carón da cidadanía"

Máis de dous mil espectadores acudiron ás funcións que se desenvolveron na VI edición do certame

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 13/01/2010
Ourense
Máis de dous mil espectadores seguiron as funcións da VI edición da MOTI -Mostra de Teatro Infantil-, desenvolvida do 25 ao 30 de decembro en distintos espazos da cidade , entre eles o campus. O seu director, Fernando Dacosta, subliña a variedade das propostas, a calidade dos espectáculos e este gran seguimento por parte dos espectadores para revelar a satisfacción dos organizadores do certame. Ao tempo cualifica á Universidade de Vigo de “pioneira” por apostar polo teatro con máis iniciativas como a MITEU e o FITO. “É un xeito de estar a carón da cidadanía dende a Universidade”, asegura.

A MOTI desenvolveuse do 25 ao 30 de decembro. Que valoración fai desta sexta edición do certame?
Houbo variedade nas propostas, calidade nos espectáculos e un gran seguimento por parte dos espectadores. Unindo estes factores dende a organización estamos moi satisfeitos. Oxalá que tamén o estean os espectadores.

Cal foi a media de espectadores que acudiron a cada unha das funcións?
A MOTI ten unha acollida formidable. O 90% das localidades foron cubertas e hai que ter en conta que había varios espectáculos á vez para diversificar idades e estilos, para que tiveran acollida nenos pequenos e maiores e tamén os seus pais, loxicamente.

Estas cifras, cumpren as expectativas dos organizadores da mostra?
Estamos falando de 2300 espectadores en espazos pechados (campus, auditorio e teatro) onde se ofrecían aforos limitados. En todo caso esta cifra pode estar duplicada polas intervencións na rúa. Repartíronse case 15.000 octavillas, o desfile do día 25 foi presenciado por moitísimos espectadores que paseaban na tarde de Nadal polo centro da cidade, houbo accións diarias... en fin, que se falamos de máis de 4000 espectadores directos e bastantes máis que son coñecedores da MOTI, non esaxerariamos nada.

A MOTI desenvolveuse en distintos espazos da cidade como foron a rúa do Paseo, o Teatro Principal, o Auditorio e o campus universitario. A qué criterio responde esta diversidade de espazos?
A cantos máis espazos da cidade acheguemos as mostras, canta máis variedade de formatos e estilos haxa, canto máis levemos o teatro ás persoas, máis viran esas mesmas persoas, cativos, mozos e adultos, ao teatro. Non lles parecerá algo alleo, unha porta que lles custa traspasar, senón que o considerarán a súa casa, un lugar de cultura, de diversión, de relaxación, de estimulación, dunha morea de contradicións, paradoxos, misterios e preguntas onde adentrarse.

Nesta VI edición da mostra participaron compañías de todos os recunchos de Galicia, doutras comunidades autónomas como Castela A Mancha, Andalucía e Murcia e tamén do exterior, como foi o caso da francesa Le Lutin Théâtre d´images. Esta variedade de grupos enriquece o programa do evento?
Cremos que sí. Podemos observar o teatro para nenos que se fai en lugares ben diversos e conectar con diversas linguaxes e maneiras de achegarse ao feito teatral: danza, obxectos, títeres, globoflexia, musicais e, por suposto, teatro de actores, entre outras.

Outra das características da mostra foi a diversidade de opcións teatrais que presentaba, dende o teatro de actor ata as marionetas, a danza ou o teatro visual e de obxectos. Esta diversidade de propostas foi positiva para o desenvolvemento do certame?
Na variedade está o gusto. Puidemos observar que hai unha tendencia a achegar as propostas aos nenos, que o número de espectadores sexa máis reducido e que estean preto do lugar da acción para atrapalos máis, para apelar aos seus sentidos e sensibilidades. Pero máis aló desta cuestión relativa ao espazo das funcións, os contidos son do máis variado, as fórmulas para chegar aos cativos diversas e o traballo das compañías que fan teatro para nenos cada vez máis rigoroso. Se a isto unimos que o interese dos pais por levar ás súas criaturas ao teatro vai en aumento, a MOTI semella unha mostra necesaria.

Vostede opina que o campus de Ourense é o único da Península que aposta polo teatro infantil. Cál é a importancia de apostar por este tipo de teatro?
Levamos percorrido gran parte do territorio peninsular coa Aula de Teatro Universitaria e nunca vimos un exemplo como o de aquí. Cremos que é pioneira, que é valente por manterse e que os resultados sociais están aí. O campus, a Universidade, achégase aos máis pequeniños e aos seus pais. Logo está a MITEU e por fin o FITO. É un xeito de estar a carón da cidadanía dende a Universidade e con gran proxección nos medios de comunicación.

Isto amósase no traballo desenvolvido pola Aula de Teatro do Grupo Gepetto, un espazo destinado a todas aquelas persoas que queiran facer teatro para nenos. Que nos pode contar desta aula?
Está no seu sexto ano, pois está vencellada á MOTI dende o seu nacemento. O teatro fomenta o diálogo, a escoita, a concepción espacial, o traballo en equipo, a fisicidade e a psicomotricidade, o estímulo dos sentidos e a educación para a democracia. Considero a Gepetto unha aposta necesaria como a MOTI.