DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro de investigación Economics for Energy presenta o seu segundo informe, pioneiro en España

Apostar polas melloras tecnolóxicas conseguiría un aforro enerxético extra do 20% en 2030

En dúas décadas a demanda podería estabilizarse a niveis de 2010 e acadar un 40% do aforro a baixo c

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 29/11/2011

O interese polo aforro e a eficiencia enerxética como medio para reducir custes, mellorar a seguridade de subministro e diminuír as emisións é cada vez maior nos países avanzados. En España, camiñar cara a senda marcada pola Unión Europea suporía un aforro de entre o 1,5 e o 3,5% do PIB estatal, como recollía un estudo de Economics for Energy que agora ten continuidade no informe Potencial económico de redución da demanda de enerxía en España, que por primeira vez fai unha estimación dos potenciais e do que custa conseguir unha rebaixa na demanda de enerxía a nivel estatal. “O estudo parte da necesidade de xestionar ben os recursos escasos, máis nun contexto como o actual”, asegurou un dos directores da entidade e profesor da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira, durante a presentación na sede da Comisión Nacional de Energía.

Os resultados amosan que, sen aplicar medidas adicionais, en 2030 o consumo de enerxía estabilizaríase preto dos niveis de 2010, o que suporía unha redución dun 26% da demanda prevista. Sen embargo, facer unha aposta máis agresiva por tecnoloxías eficientes e por políticas de implantación conseguiría unha diminución adicional do 20% sobre o esperado para dentro de dúas décadas, “algo que se situaría por riba dos ambiciosos obxectivos da UE”. O estudo, no que colaboraron Pablo Pintos e Klaas Würzburg, é especialmente importante para deseñar a estratexia de futuro máis axeitada, pero sen ter en conta os efectos dos cambios de comportamento do consumidor polas posibles políticas de concienciación ou polo aumento do prezo, o que poderían levar a un aforro maior. O que avanza o informe é que deixar os cambios “ao antollo do mercado” non resultaría tan efectivo, aínda que conseguiría unha rebaixa na demanda “nada desprezable” do 15%.

Buscar o menor custe

Un dos motivos que explica a lentitude coa que se avanza en materia de eficiencia enerxética é o custe da implantación de medidas, onde entran cuestións como as primas de risco ou as maiores rendibilidades esixidas polos consumidores privados. No estudo de Economics for Energy recóllese que, a pesar de ter que incorporar a interacción entre as tecnoloxías e unhas elevadas taxas de desconto para os consumidores residenciais, máis do 40% do potencial de redución podería acadarse con custes moi reducidos ou nulos, mentres que o 60% restante estarían por debaixo dos 50 euros/MWh, menos do prezo estimado para case todos os combustibles no 2030. Unha tecnoloxía verde máis barata porque “os custes terán baixado. Por exemplo, o normal é que un coche máis eficiente, non necesariamente eléctrico, custen menos que agora”, recalca Labandeira.

Cuestión de prioridades

As actuais políticas de concienciación son un factor determinante á hora de construír un novo escenario de demanda enerxética. Por iso os expertos recomendan no informe enfocalas para acadar unha maior penetración das enerxías renovables no sector eléctrico, reducir consumos nos vehículos potenciando híbridos e mellorando os convencionais, favorecer o cambio modal cara o ferrocarril e mellorar a climatización dos edificios con caldeiras eficientes e bombas de calor. No plano tecnolóxico, o esencial é “un esforzo adicional en I+D” para abaratar custes. “É importante ter políticas ben deseñadas, non necesariamente de apoio económico aos investimentos. Estas políticas dependen do seu custo e potencial, polo que non hai unha receita universal ou única para fomentar o aforro. Entre as medidas máis agresivas deberían fixarse estándares de eficiencia para a climatización, para os novos coches... e sinais de prezo: que os prezos enerxéticos recollan os custos totais de produción”, apunta o profesor.

No informe tamén se destacan a existencia de abundantes medidas con custes negativos que impoñen barreiras non económicas ao desenvolvemento do potencial e que deberían afrontarse coas medidas axeitadas. Para os expertos de Economics for Energy as subvencións xeralistas á inversión, moi habituais, só melloran a rendibilidade económica “sen resolver os problemas como os altos custes de transacción ou as barreiras non económicas. A fiscalidade, aínda que corrixe o efecto sobre o prezo da enerxía, tampouco permite solucionar o problema”. Entre as alternativas estarían a aplicación de estándares o máis flexibles posible, acordos voluntarios, a simplificación dos procesos administrativos ou o uso de medidas directas ben focalizadas. Pero este campo está aínda sen explorar e as experiencias internacionais son limitadas.

Economics for Energy

EfE é un centro de investigación privado constituído en 2009 como entidade sen ánimo de lucro sustentado pola Universidade de Vigo e a Universidad Pontificia Comillas co apoio do Ministerio de Economía, a Fundación Barrié e seis empresas enerxéticas e financieiras. Dirixido polo catedrático da universidade viguesa, Xavier Labandeira, e polo subdirector da Escola Técnica Superior de Ingeniería ICAI, Pedro Linares, o seu obxectivo é crear e diseminar a investigación útil sobre os aspectos económicos da enerxía en España nas súas múltiples facetas para informar á sociedade e orientar e asesorar a axentes públicos e privados. As súas liñas de traballo céntranse na análise da demanda de enerxía, na innovación tecnolóxica no eido enerxético, no deseño e avaliación de políticas ambientais, na valoración da seguridade enerxética e na prospectiva regulatoria do sector.