DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Syme organiza un seminario de fotografía ambiental do 30 de setembro ao 2 de outubro

Aprendendo a retratar a natureza

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría  DUVI 23/09/2010
Durante tres días o fotografo profesional e colaborador de WWF/ADENA, Miguel Murcia, impartirá un seminario de fotografía da natureza na Facultade de Ciencias de Ourense. Organizado pola Asociación Medioambiental Syme e patrocinado polo Concello de Ourense, as sesións teóricas e prácticas das que se compón o seminario permitirán aos e ás asistentes achegarse a aspectos históricos, técnicos e compositivos da fotografía da natureza. O 30 de setembro comezará o seminario cunha sesión teórica centrada nos aspectos históricos e técnicos da cultura fotográfica. Ao día seguinte, segundo explica José Antonio Pérez, presidente de Syme, “haberá una sesión práctica que se desenvolverá ao aire libre no campus aproveitando para as fotografías especies que hai no mesmo como os patos e a variada vexetación”. O sábado rematará o seminario cunha selección das fotos realizadas e a súa proxección sobre a que Miguel Murcia sinalará os erros e acertos cometido polos e polas participantes no curso.

Unha imaxe vale máis que mil palabras

Na presentación do seminario a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, referiuse á fotografía como “unha ferramenta moi importante para o medio ambiente, porque unha imaxe vale máis que mil palabras e expresa moi claramente conceptos como a biodiversidade ou a contaminación”.
Lameiras tamén destacou a importancia desta iniciativa posta en marcha por Syme para mellorar a calidade da formación do estudantado e referiuse ao máster Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente ou á titulación de Grao en Ciencias Ambientais “que se estrea neste curso e ten todas as prazas cubertas dende hai semanas”.
Pola súa banda o presidente de Syme ademais de lembrar que este seminario é unha actividade complementaria ao Concurso de Fotografía Ambiental que vai xa pola 5ª edición destacou “a importancia que ten para os alumnos da Facultade de Ciencias, xa que nos proxectos de impacto ambiental se deben incluír fotografías para ilustralos”.

Datos prácticos do seminario

10 euros é o prezo de inscrición no seminario para o público en xeral e 5 para o alumnado da Universidade, persoas en paro e socios de Syme que previamente deberán reservar praza chamando ao número 667543446.
As sesións que se celebrarán no salón de graos da Facultade de Ciencias terán unha duración de catro horas cada una.