DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna do campus de Ourense María Rodríguez realizou as prácticas de grao nese país

Aprendendo en Serbia a educar para a paz

Volverá para continuar cos proxectos postos en marcha durante a súa estadía

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 20/05/2013

O desexo de María Rodríguez, alumna de último curso de Educación Social do campus de Ourense, é traballar en proxectos educativos e sociais internacionais. Por este motivo, non dubidou en realizar as súas prácticas obrigatorias de grao nunha asociación que traballa na cidade serbia de Prijepolje poñendo en marcha proxectos para a integración das novas xeracións. Nun país que nos anos 90 viviu a disolución da antiga Iugoslavia e os conflitos bélicos e étnicos que se produciron, esta estudante puido mergullarse de cheo no que é a educación para paz e a educación como fórmula para atopar un futuro mellor.

“Foi unha experiencia fantástica. Estiven durante dous meses participando nos proxectos da entidade non gobernamental Jump. O meu traballo alí consistiu na organización de intercambios culturais, de rapaces e rapazas que viñan alí desde diferentes puntos de Europa para convivir durante uns dez días; na proposta de novos proxectos no eido da educación non formal e da educación para a paz e no apio ás actividades que leva a caso a asociación na zona”, explica Rodríguez Gradín. Entre esas accións, destaca a estudante da Facultade de Ciencias da Educación, estaba axudar a un grupo de 30 estudantes dun instituto da cidade a desenvolver a súa creatividade como unha fórmula para atopar novas oportunidades de futuro.

“É un país que, ademais de ter recente un conflito bélico, está economicamente moito peor ca nós e os máis novos si que non teñen esperanzas. O noso traballo consistiu en axudarlles a través da educación e sempre fomentando a súa autoxestión”, subliña. Nesta loita para superar o pasado e o presente, María Rodríguez destaca como nas novas xeracións aínda está presente o pouso do conflito étnico vivido nos Balcáns e o feito de que “se educaron nun lugar que fomentaba na xente a idea de que eran superiores a outros”, un adoutrinamento, explica, que aínda non foi eliminado totalmente dos discursos e que mantén alerta ás organizacións sociais que traballan na zona, que é limítrofe con Bosnia e Montenegro.

Aproveitar toda a faciana internacional da universidade

Jump Organization financioulle tanto o aloxamento como a manutención en Prijepolje e isto permitiulle a Rodríguez Grandín enfrontar a estadía na cidade serbia. “O recibimento e o trato foi excelente, integráronme axiña nos proxectos e déronme a oportunidade de aprender moito. A súa filosofía non é nada ríxida e eles mesmos te incentivan a que experimentes, a que vexas novas cousas, non a que te dediques a cumprir un horario laboral estrito. Queren que medres como persoa e como profesional”, comenta. Por esta boa sintonía entre o que a estudante buscaba e o que a asociación lle daba a oportunidade de facer, unha vez rematadas as prácticas, María Rodríguez xa volveu á cidade serbia e mentres pecha as últimas cuestións pendentes para rematar a titulación no campus de Ourense. “A miña idea é facer disto a miña profesión, conseguir traballar en proxectos internacionais de educación social. Así, entre un compañeiro e máis eu xa levamos a delegación española de Jump e volverei moi pronto alí”, salienta.

Este interese, explica, vén da súa formación no eido da Educación Social pero tamén da perspectiva internacional que puido adquirir durante os seus estudos superiores. “Eu quixen aproveitar todas as oportunidades que me ofrecía a universidade e estiven co Programa Erasmus en Roma e en Arxentina coas Bolsas Iberoamérica do Banco Santander, ademais de facer estas prácticas obrigatorias en Serbia e de estar nos Balcáns con estadías breves de intercambio cultural no marco do programa Xóvenes en Acción da UE. Estas experiencias cambian totalmente a túa perspectiva persoal e profesional. É unha das cousas máis importante que me levo da universidade”, subliña a estudante.