DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 alumnos de oito países incorpóranse ao campus neste cuadrimestre

Aprender idiomas e coñecer Galicia son os principais desexos dos estudantes estranxeiros

Os vicerreitores Juan Francisco Gálvez e Iván Area foron os encargados de darlle a benvida oficial

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 20/02/2009
Para 24 estudantes estranxeiros, chegados de oito países distintos, Ourense será o seu fogar durante os próximos meses. Chegan con desexos de aprender idiomas, coñecer Galicia e as súas xentes e, sobre todo, pasalo ben. A maioría dos alumnos incorpóranse ao campus grazas ao programa Erasmus, aínda que tres fano froito dos acordos bilaterais con universidades americanas. Este venres recibiron a benvida oficial ao campus da man dos vicerreitores Juan Francisco Gálvez e Iván Area e dos responsables dos distintos servizos que a partires de agora teñen ao seu dispor na Universidade de Vigo.
“A persoa máis próxima, despois da ORI, que ides a ter se precisades axuda”, así se deu a coñecer Gálvez ao comezo da súa intervención, quen recordou aos alumnos que o seu despacho está aberto para calquera dúbida ou suxestión. Tras un repaso aos servizos e vantaxes coas que conta o campus tan só lle quedou dar “as grazas por elixirnos e agardar que gocedes da vosa estadía”.
Pola súa banda, Area, amosouse moi contento de darlles a benvida á que é a súa terra natal, agardando que “ademais de ter tempo para afondar nas vosas áreas académicas teñades ocasión de coñecer a nosa cultura”. Para rematar agasallounos cunha compilación de contos populares en galego, español, inglés e francés que "agardo sexan unha primeira aproximación a Galicia”.

Motivacións e primeiras impresións

Por recomendación, pola súa situación xeográfica, por ser unha cidade pequena, pola proximidade idiomática, son algunhas das razóns que levaron aos estudantes estranxeiros a escoller Galicia como destino da súa estadía. Para Clément Tourrand, de Francia, a súa elección viu determinada polo desexo de “viaxar a unha cidade pequena onde hai menos persoas doutras nacionalidades e podo practicar mellor o español”. A grega Georgia Sarigleiou foi unha das que elixiu Ourense “por recomendación dun amigo que estivo hai uns anos e que me dixo que tiña que vir porque era moi bonito”, ao igual que ela a súa compañeira Spyridi Polyxeni tamén chegou aquí por suxestión duns amigos que a animaron a vir “porque era unha bo xeito de aprender español e viaxar”. Sen embargo, outros como Ali Baturaygil, chegado de Turquía, “aparecín aquí por casualidade, pero estou encantado”.
Polo de agora as primeiras impresións son moi positivas, sumidos en pleno entroido están a gozar desta festa tradicional e a coñecer a cidade e os pobos próximos, como Verín. “Gústame moito Ourense e a súa cultura”, comentou Baturaygil. Para outros como Tourrand, Galicia “ten a beleza das montañas e o mar”.

Oito países con destino Ourense

Oito países veranse representados no campus grazas á chegada destes alumnos. O lugar de procedencia está bastante repartido, Portugal atópase á cabeza incorporando a nove estudantes. Séguenlle Italia e Turquía, países dos que proveñen catro e tres alumnos respectivamente. Dende Brasil, Francia e Grecia chegan seis estudantes, dous de cada destino e a lista complétana Finlandia e México con dous representantes.
No tocante aos estudos que van a realizar no campus, nove incorpóranse á Facultade de Ciencias da Educación; o seguinte grupo máis numeroso é o que acollerá a Facultade de Ciencias con cinco estudantes. Para a Facultade de Dereito irán dous estudantes portugueses e dous brasileiros, mentres que na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo estudarán dous de nacionalidade franceses e un italiano. Finalmente dous alumnos de orixe turca incorpóranse á ESEI.

Presentación dos servizos do campus

O acto de benvida continuou coa presentación dos distintos servizos que lle poden ser de utilidade aos estudantes estranxeiros durante a súa estadía. Dende o Servizo de Actividades Culturais, Jacobo Lorenzo, fixo repaso á oferta de obradoiros, sen esquecer a Intercultural e a sala Alterarte. Rodrigo Alberte, do Servizo de Deportes, fixo o mesmo coa súa área destacando as ligas universitarias, as escolas deportivas e as actividades de natureza, “como son as rutas culturais, ideais para vos, xa que ademais de facer deporte vos permiten coñecer as nosas paisaxes”. Por parte do Servizo da Biblioteca do campus, Julia Jiménez, indicoulles o funcionamento, os horarios de acceso e púxose á súa disposición para calquera consulta. Tampouco faltou a esta cita Angélica Ferro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, que lles ofreceu a súa axuda “para calquera problema, tanto académico como persoal”. A continuación, Jorge Figueroa, director do Centro de Linguas, animou aos alumnos a participar nos distintos cursos de idiomas e sinalou a posibilidade que se lles ofrece de preparar o exame para obter o Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELE). A encargada de pechar o acto foi Sandra González, da Oficina de Relacións Internacionais, quen sinalou a Laura Conde, da ORI do campus, como “a cara máis coñecida para as vosas dúbidas”. Ademais enumerou as distintas actividades nas que poderán participar como son as excursións a Baiona, Oporto ou a praia da Lanzada entre outras. Por último, lembroulles que tamén poden “coñecer xente, integrarse en Ourense e practicar o español” grazas aos tándems de conversa que se organizan con outros estudantes.