DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición, aberto na plataforma Bubela, remata o día 30 de xaneiro

A aprendizaxe activa centra un novo curso para o persoal docente

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 14/01/2011
A implantación efectiva do Espazo Europeo de Educación Superior require por parte dos docentes unha actualización dos seus coñecementos e a adaptación das técnicas formativas de cara a un ensino moito máis participativo, no que o alumno sexa o protagonista do proceso deixano atrás as clases maxistrais e poñendo en primeiro plano as novas tecnoloxías e novos métodos de avaliación. Este maior peso da participación do estudantado require tamén un cambio na perspectiva do profesorado, algo no que inciden as accións formativas que para o persoal docente organiza a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade. Unha destas iniciativas é o curso de Técnicas para a aprendizaxe activa no ensino superior, que ten o prazo de matrícula aberto ata o 30 de xaneiro. Este obradoiro, que impartirá a profesora Margarita Pino Juste no campus de Vigo os días 1, 8, 15 e 22 de febreiro e 1 de marzo, busca preparar ao profesorado no coñecemento e uso das metodoloxías activas en todas as situacións de ensino-aprendizaxe. Trátase de coñecer, para así poder utilizalas con seguridade, diferentes técnicas no contexto do ensino superior que permitan realizar unha coordinación eficiente entre as materias e mellorar a súa eficacia na formación dos estudantes.

Os participantes incidirán en diferentes técnicas de ensino, como o traballo en grupos, a aprendizaxe por proxectos, problemas ou estudo de casos, a autoaprendizaxe guiada, a titoría de pares ou a clase maxistral. Ademais incluiranse recomendacións para a avaliación, xa que entre os obxectivos do obradoiro tamén se encontra o seguimento da actividade docente na aula aplicando ferramentas e metodoloxías dende unha materia concreta.

Inscrición e matrícula na plataforma Bubela

O curso, que manterá o prazo de matrícula aberto na plataforma Bubela ata o 30 de xaneiro, impartirase en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e os participantes, ata un máximo de 20, recibirán un certificado, sempre que asistan, polo menos, a oito sesións completas das dez que ten o obradoiro.