DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obradoiro de 'Recursos lúdicos-didácticos para a educación infantil e primaria'

Unha aprendizaxe compatible coa diversión de nenas e nenos

As técnicas impartidas serven como complemento á formación pedagóxica das aulas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 29/03/2011

Globoflexia, maquillaxe, disfraces… pode soar á organización dunha festa, pero son técnicas que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte están aprendendo no obradoiro Recursos lúdico-didácticos para a educación infantil e primaria para poder aplicar como metodoloxía no proceso de aprendizaxe dos máis cativos. Impartido durante o mes de marzo, é a primeira vez que se oferta dentro da programación dos cursos de primavera do campus, gozando dunha grande acollida entre o alumnado do Grao de Educación Infantil e Primaria xa que “hai lista de espera para a vindeira edición”, comenta Olalla Pérez, profesora do curso.

O obradoiro, coordinado polo profesor Uxío Pérez, naceu como complemento “ás clases de didáctica impartidas nos graos”, pois trátase de desenvolver outros recursos que axuden á aprendizaxe “pero desde un eido máis lúdico”, aclara Olalla Pérez. Deste xeito, o programa do curso márcase como obxectivo que os seus asistentes acaden técnicas innovadoras que poidan ser aplicables na aula “facendo compatible o binomio aprendizaxe e diversión e creando un ambiente inmellorable para os máis cativos”. A profesora recoñece que coa implantación destas metodoloxías “se potencia a creatividade tanto do profesor como dos nenos, ademais de crear un vínculo maior”.

Ao mesmo tempo que serve de formación no campo máis didáctico da ensinanza, o curso ofrece a posibilidade de procurar novas alternativas cara o mundo laboral. Como subliña a profesora, moitos dos estudantes matriculáronse coa intención de acadar habilidades para o mundo da animación, “para traballar como monitores de tempo libre en festas de aniversario ou outros eventos, non soamente relacionados coa infancia, senón con outros colectivos como a terceira idade”.

Gran variedade de actividades e materiais

Como ben apunta Olalla Pérez, trátase dun curso “moi vistoso” pois o seu programa de actividades están centradas en “crear disfraces, elaborar decorados, maquillaxes, piñatas…”. Tanto é así que unha das actividades semanais baseábase en crear un personaxe a partir de globos para “que despois se converta no protagonista dun conto”. Todos os exercicios empregan materias de uso común e moi económicos, “como bolsas de lixo para realizar os disfraces ou piñatas” ou outros máis innovadores como o foam, “produto estrela nos traballos infantís, moi fácil de traballar pois é maleable co calor”. Nestas creacións o alumnado saca o seu lado máis artesanal ademais de que “cada un ten a liberdade de darlle a todas as actividades o seu toque persoal”. A docente inclúe ademais no seu plan de estudos dinámicas de grupo “para que os rapaces poidan sacar o seu máximo proveito e poidan interactuar entre eles”.

O curso, na súa primeira edición, está a gozar de grande éxito de público, xa que “en dous días xa se cubriron as 25 prazas dispoñibles”, aclara Pérez. Impartido durante todo o mes de marzo todos os luns, martes e xoves da semana de 18.30 a 21.00 horas , ten unha duración de 30 horas e equivale a un crédito ECTS.