DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O principal idioma de Etiopía dará contido a un curso

A aprendizaxe da lingua amariña chega a Galicia da man da Universidade

Grazas ao traballo do grupo de Tipoloxía Lingüística

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 09/05/2008
Foi Menoria, unha asociación viguesa integrada por cidadáns que comparten a característica de ter adoptado nenos etíopes, a razón que levou ao grupo de Tipoloxía Lingüística, dirixido por José María García Miguel, a organizar por primeira vez en Galicia un curso de amhárico ou lingua amariña, o principal idioma do país africano.
No momento en que a organización acudiu á Universidade para expresar o interese e a necesidade de aprender a lingua dos seus fillos entrou en contacto coa materia impartida polo profesor García, que se centra no “estudo de diversas linguas do mundo”, tal como el mesmo comenta, explicando que teñen realizado traballos sobre “idiomas amerindios e africanos, como o suahili ou o wofol”.
Co apoio da Oficina de Voluntariado e da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, o grupo de Tipoloxía Lingüística, coa colaboración dos alumnos que cursan a materia, leva dende febreiro recollendo textos infantís escritos en amhárico para analizar os aspectos básicos da lingua.

O amhárico ou lingua amariña

De entre todas as linguas faladas en Etiopía, o amhárico, que conta cun sistema de escritura propio, é a que saíu mellor beneficiada trala Revolta da década de 1970. Ademais de ser a que conta con maior número de falantes, na actualidade é empregada na administración, na educación pública e nos medios de comunicación de ámbito nacional.

Un etíope como docente

Ante a necesidade de dispor dun falante nativo, o grupo, a través da asociación Menoria, púxose en contacto con Dawit Belay Zeleke, nado en Etiopía e “interesado en favorecer o intercambio lingüístico entre España e o seu país”, segundo palabras de García. Precisamente será el o encargado de impartir o curso que, de xeito gratuíto, se desenvolverá na aula B7 da Facultade de Filoloxía e Tradución os días 15 e 16 de maio.
O obxectivo deste seminario, dirixido especialmente aos estudantes de filoloxía e a todas aquelas persoas que por calquera razón establezan vínculos co país africano, é facer un primeiro achegamento á cultura etíope, incluíndo nocións de escritura e pronunciación do amhárico, así como vocabulario e construcións básicas. “Se a iniciativa ten éxito contemplarase a posibilidade de seguir traballando no tema para organizar cursos máis avanzados”, comenta García.