DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio maoritario do Consello de Goberno que tamén aprobou a normativa de desgravacións docentes

A aprobación da convocatoria do programa especial de promoción de PDI abre a porta á incorporación de 15 novos docentes

Tamén houbo posicionamentos sobre a compartición da docencia clínica de Medicina e sobre as ensinanz

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/11/2009

Co obxectivo de promocionar aos investigadores, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu hoxe luz verde á aprobación da convocatoria do programa especial de promoción do persoal docente e investigación da Universidade de Vigo 2009 que abre a porta á incorporación de 15 profesores titulares de universidade ou profesores contratados doutores. Estas 15 prazas sumaranse ás 60 convocadas desde o ano 2005 cando entrou o vigor o programa que ata o de agora permitiu incorporar, como sinalou o reitor Alberto Gago “46 Ramón y Cajal e Parga Pondal, oito axudantes; cinco asociados e un visitante”. O programa desenvolverase como un concurso de méritos para determinar en que áreas de coñecemento se convocan as prazas que se establecerán en función de campos temáticos que coindicen coa relación utilizada pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade da Investigación. As prazas terán as mesmas obrigas docentes que as correspondentes ao profesorado a tempo completo e figurarán nos plans de organización docente dos departamentos.
A aprobación da convocatoria estivo precedida dun debate no que os profesores Luis Liz e Luis Muñoz expuxeron as súas reticencias a unha normativa que consideran limita o crecemento de áreas con gran actividade investigadora e manifestaron as súas dúbidas sobre o papel da investigación na Universidade de Vigo. Pola súa banda, desde as filas de Nova Universidade, Francisco Javier Gómez Berrocal, tras manifestar “o interese de convocatoria en mellorar a situación actual”, sinalou que o problema “é de filosofía de fondo sobre se pode haber carreira investigadora”. Unha idea na que coincidiu o reitor Alberto Gago que confirmou a existencia “dun debate sobre a cultura científica” e defendeu o programa de promoción de PDI que asegurou “queremos mellorar. Ten que ser unha prioridade para a Universidade”.
O Consello de Goberno tamén aprobou por maioría na sesión celebrada este xoves a normativa de desgravacións docentes baseada na de anos anteriores pero coas adaptacións derivadas do EEES, a normativa sobre carga docente de titulacións de grao para o vindeiro curso e a convocatoria de contratos-programa piloto cos centros e os criterios de avaliación do complemento de actividades docentes.

Pronunciamentos favorables á compartición de docencia clínica de Medicina e ás ensinanzas artísticas

O Consello de Goberno amosou o seu respaldo ao acordo adoptado polo Consello Social da Universidade de Vigo no que acordou reclamar a compartición da docencia clínica dos últimos cursos de Medicina da Facultade de Santiago, con profesorado adscrito á Universidade de Vigo este ano ou o próximo de xeito oficial. Unha solicitude que, o reitor Albergo Gago lembrou “é o que contempla o acordo ao que chegamos as universidades coas consellerías de Educación e Sanidade en 2008 e sobre o que agora se intenta chegar a un consenso para a súa aplicación”. Unha negociación que o reitor reiterou permitirá a partir de 2010 que entre en vigor a figura do colaborador docente ao tempo que hospitais e universidades “poderemos participar na avaliación das candidaturas, a organización docente e na adscrición orgánica dos profesionais clínicos”. Neste sentido o reitor da Universidade de Vigo defendeu a descentralización da docencia clínica “como a única solución posible para ter unha docencia de garantía”.
Así mesmo o Consello de Goberno deu o seu respaldo á Conferencia de Decanos das Facultades de Belas Artes das universidades españolas sobre a oferta de títulos oficiais en disciplinas artísticas. O decano da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Ignacio Barcia, que comezou lembrando o conflito xerado a partir da aprobación do real decreto 1614/2009 que establece a ordenación das ensinanzas superiores reguladas pola Lei Orgánica 2/2006, demandou o respaldo do Consello de Goberno á petición da Conferencia de Decanos que esixen que se garanta “ a articulación e compatibilidade da oferta das ensinanzas artísticas ás que refire o real decreto con aquelas que, podendo pertencer a ámbitos académicos coincidentes, poidan ofertarse desde as universidades en virtude da súa autonomía”.

Negociacións entre Xerencia e sindicatos e convocatoria de concurso oposición

En resposta ao mandato do Consello de Goberno na súa anterior sesión, xerente e representantes sindicais deron conta das negociacións relativas a temario, probas e baremos da oferta de emprego público de persoal funcionario de administración e servizos, destinadas á convocatoria de concurso oposición para 48 prazas. Na súa comparecencia, a xerente Ana Fernández Pulpeiro presentou un informe e as actas cos temarios, probas e baremos que se incluirán nas convocatorias de auxiliares administrativos, axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e letrados. Tras as reunións mantidas cos sindicatos CCOO e UGT e en asuncia de representates da CIG, Fernández Pulpeiro incidiu na importancia de “mellorar o cadro de persoal da Universidade, normalizando uns procesos de convocatoria que levaban anos sen producirse”. As convocatorias serán, segundo avanzou a Xerencia, formalizadas neste mes de novembro e xunto coas de persoal laboral suporán a oferta de case 100 prazas para o persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo.
En relación coa postura da CIG no proceso de negociación a delegada de CCOO María Fariza denunciou o que considera “abuso de posición maioritaria impedindo a accións sindical”. Fariza que afirmou que CCOO seguirá exercendo o mandato dos traballadores acusou á CIG de “totalitaria e antidemocrática”. Foi o presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, o que xustificou a ausencia da CIG no proceso de negociación na súa decisión de presentar recurso contra a oferta de emprego público e denunciou “a vulneración de dereitos fundamentais” que se está a producir por parte da Xerencia á que pediu respecto “porque somos o sindicato maioritario elixido polos compañeiros funcionarios e decidimos quen se senta na mesa de negociación”. Cebro que denunciou a invalidez dos acordos adoptados entre Xerencia e os outros sindicatos, en especial o referido a que na categoría de Técnico Especialista de Biblioteca queden fóra da promoción os funcionarios dos grupos C1 e A2 e os grupos III e II de laborais, anunciou a intención da CIG de acudir ao xulgado para denunciar o que consideran “unha vulneración de dereitos fundamentais”.

Outros asuntos

A adscrición do grao en Enxeñaría da Enerxía á ETSE de Minas e a creación dunha xunta de titulación para a preparación da proposta de plano de estudo integrada por membros da escolas de Minas de Industriais; a aprobación dunha normativa para as empresas de base tecnolóxica (EBT); o nomeamento de Emilio Fernández como comisionado para a creación do Centro Atlántico de Investigacións Mariñas e a participación da Universidade no Observatorio sobre mundos virtuais foron outros acordos adoptados polo Consello de Goberno.