DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo recolle o Anuario de Estatística Forestal de Galicia, elaborado polo grupo G4 Plus

O aproveitamento dos montes galegos xerou en 2018 máis de dez millóns de metros cúbicos de madeira

Preto do 60% das cortas correspondían a eucalipto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/07/2019

Ao longo de 2018, rexistráronse en Galicia máis 107.000 declaracións e solicitudes de aproveitamentos forestais en montes ou terreos de xestión privada, que supuxeron a corta de 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira. Cifras ás que hai que sumar a corta doutros 355.000 metros cúbicos nos montes de xestión pública e que fan que o aproveitamento total dos montes galegos se sitúase o pasado exercicio por riba dos 10 millóns de metros cúbicos, segundo recolle o Anuario de Estatística Forestal de Galicia, realizado polo grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Realizado para a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, “trátase do primeiro compendio publicado en Galicia que contén exclusivamente datos estatísticos forestais”, como salienta Pedro Figueroa, director deste grupo de investigación pertencente á agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas. Presentado o pasado mes de xuño no Parlamento de Galicia polo director xeral José Luis Chan, este anuario reúne información sobre a estrutura da propiedade, ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes pragas, produción forestal e empresas do sector. 

O eucalipto supuxo preto do 60% das cortas

Das 107.705 solicitudes de aproveitamentos en montes de xestión privada presentadas o pasado ano, o 63,7% correspondíanse a árbores da familia das frondosas, das que o 95% referíanse en concreto a plantacións de Eucalyptus spp, especie que supuxo preto do 61% das cortas realizadas o ano pasado en Galicia. No caso das coníferas, o 36,3% restante, a meirande parte das solicitudes, un 53% e un 47%, correspóndense a dúas especies de piñeiro, o Pinus pinaster e o Pinus radiata. Por outra banda, no caso dos terreos de xestión pública, o 92% das cortas solicitadas referíanse a coníferas e o 7% restante a frondosas.

Así mesmo, a información reunida neste anuario permite coñecer tamén que preto do 86% dos aproveitamentos levados a cabo en montes de xestión privada concentráronse nas provincias de A Coruña e Lugo. No relativo aos 18 distritos forestais existentes en Galicia, tres destes, os de A Mariña Lucense, Bergantiños-Mariña Coruñesa e Ferrol, realizaron no seu conxunto preto do 45% das solicitudes.

Radiografía dun sector que congrega máis de 2000 empresas

A partires do tratamento de “varios milleiros de datos” proporcionados pola administración autonómica, o grupo G4 Plus buscou con este anuario proporcionar, a través de táboas e gráficos, “unha información que fose facilmente lexible e interpretable polos distintos axentes interesados no mundo forestal”. Do mesmo xeito, outro dos obxectivos do traballo era ofrecer unha información e unha análise que “puidese facilitar a toma de decisións aos axentes implicados”, engade Figueroa, coordinador do traballo realizado xunto co investigador do grupo Daniel Gallego.

Articulado en sete apartados, o anuario reúne tanto información sobre a corta de madeira nos montes como dos seus aproveitamentos de pastos e micolóxicos. Así mesmo, tamén afonda na situación do sector empresarial, integrado por máis de 2000 empresas. Concretamente, en 2018 estaban inscritas en Galicia un total de 1382 empresas de aproveitamento e transformación da madeira, das que o 33% pertencen á provincia de Pontevedra. A estas súmanse outras 473 empresas de servizos forestais, das que preto do 40% atópanse emprazadas na provincia da Coruña, e 113 compañías provedoras de material forestal de produción, preto da metade situadas na provincia da Coruña.

Por outra banda, no relativo á estrutura da propiedade forestal, o anuario recolle que Galicia conta con 3312 montes veciñais en man común, que abranguen unha superficie de máis de 664.000 hectáreas. En total, existen en Galicia máis de 122.000 comuneiros e comuneiras, agrupados en 2994 comunidades de montes, sendo as provincias de Ourense e Lugo as que contan con maior porcentaxe de montes sometidos a este réxime. Así mesmo, a autonomía conta tamén con 230 montes de titularidade pública, que abranguen unha superficie total de 55.000 hectáreas.