DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Botará a andar o vindeiro 22 de xuño na Casa das Campás

Unha aproximación ao cine documental inaugura o programa de cursos de verán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 15/06/2009

Unha visión xeral da situación do documental de non ficción é a proposta que abre a programación de cursos de verán do campus o vindeiro luns. A oferta dos cursos de Extensión para estes meses estivais é moi ampla e atractiva e, mentres algúns repiten de anos anteriores, outros como este incorpóranse por primeira vez á programación.
Comprender a evolución do xénero documental, analizar as dificultades para deseñar unha taxonomía do xénero e cuestionar o uso de termos como representación, realidade, ficción ou intervención sustentan o programa do curso Do documento ao cine documental, que dirixe o profesor José Chavete. O curso está aberto a calquera tipo de público xa que o que se pretende é ofrecer unha orientación sobre este xénero desde unha perspectiva liviana. Segundo explica Suso Novás, que traballa na organización deste curso “o programa xira arredor de tres relatorios que establecerán a pauta de como se xesta, a natureza e a clasificación do documental de non ficción e outros catro que atenderán cuestións máis específicas”.
O propio director do ciclo será o encargado de inauguralo cun relatorio baixo o título Xestación e inicios do documental: contexto histórico, que se complementará co que o día 25 ofrecerá Sol Alonso sobre a ontología da non ficción e co que pechará o ciclo, o día 30, da man de Jesús Emilio Novás. A cuestión da hibridación de xéneros, de como a narrativa ficcional estase metendo paulatinamente no documental falará Jaime Pena, do Centro Galego de Artes da Imaxe o mércores 24. O experto en políticas documentais, Josetxo Cerdán, da Univerisdade Rovira i Virgil, debuxará as derivas da non ficción en España e presentará as tendencias que se teñen desenvolvido nos últimos quince anos. Sobre unha destas tendencias, a da tradición da remontaxe (realizar, a modo de collage, unha peza con extractos doutra película documental, descontextalizándoos) disertará Antonio Weinrichter, da Universidade Carlos III, mentres que María Luisa Ortega achegará a visión máis intelectual e lúdica cun relatorio sobre o falso documental.
Aqueles que non queden saciados cos contidos que se ofrecerán ao longo das sete sesións que completan o curso, poderán profundizar en calquera dos temas grazas á bibliografía que se lles ofrecerá desde a organización, que tamén está contemplando a posibilidade de elaborar o seu propio glosario terminolóxico.

Formalización da matrícula

A matrícula dos cursos xa pode realizarse no rexistro auxiliar da EUET Forestal onde se debe entregar a ficha de inscrición, o xustificante do pagamento e a fotocopia de credencial de bolseiro (os estudantes da Universidade teñen un 50% de desconto e os membros da comunidade un 25%). O prezo é de 50 euros e poderá ser validado por dous créditos de libre configuración.

Ciclismo en ruta e novas tendencias deportivas

O 22 de xuño tamén comezarán a andar dous cursos máis de Extensión coa práctica deportiva como protagonista. Os centros deportivos e as sucesivas tendencias da actividade física e do deporte son un campo que cada vez presenta unha maior demanda laboral de profesionais. Para aproximarse a este ámbito en alza chega ao campus o curso Novas tendencias nos centros deportivos, que se celebrará do 22 ao 24 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Quen prefira o exercicio sobre as dúas rodas poderá participar nun curso específico de adestramento en ciclismo en ruta.