DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aproximación entre galego e portugués na primeira sesión das II Jornadas de Língua

Samuel Rego e Jeanne R. Pereira ofreceron a súa perspectiva nunha mesa redonda

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 27/01/2009
Elevar o status do galego dignificándoo como idioma propio de Galicia e rachar coas fronteiras que o limitan, son dúas ideas que levaron a asociación A Esmorga a celebrar as II Jornadas da Língua que deron comezo, no seu contido teórico, este martes 27 de febreiro, no Edificio Politécnico.
Os protagonistas da xornada inaugural foron Samuel Rego de Portugal e Jeanne R. Pereira de Brasil que participaron na mesa redonda Os sabores da lingua moderada polo galego Xavier Castelhanos. Xunto a eles estiveron varios membros de A Esmorga, entre eles Teresa Carro, encargada de dar a benvida a relatores e público. Carro destacou que estas xornadas se insiren “dentro dun proxecto de reivindicación da nosa lingua”.
A mesa redonda comezou coa intervención de Castelhanos que sinalou a importancia de este debate para “aproximarnos a novas realidades sociolingüísticas e compartir ideas e experiencias con persoas moi próximas a nós no que a lingua se refire”. Tras a intervención de Rego e Pereira que fixeron fincapé no que existe de común entre os tres países, comezou un coloquio “para coñecer as opinións e inquedanzas dos presentes”, indicou Castelhanos.

Os Sabores da Língua

Baixo este título tan suxerente Rego e Pereira contaron as súas experiencias nos seus respectivos países e o que teñen vivido en Galicia. Ambos coincidiron en sinalar que “o galego e o portugués teñen moitas similitudes”, dixo Pereira. Porén, segundo a brasileira “a lingua galega non está valorizada, existen persoas que rexeitan o seu propio idioma”. Puxo como exemplo o feito de que á súa cidade, Salvador de Bahía, chegaron moitos emigrantes de Galicia e que “non fixeron por difundir o seu idioma e a súa cultura, como se non se sentisen galegos”. Para Pereira este é o principal problema que hai que afrontar, ademais indicou que “se Galicia e Brasil nos unimos, lograremos derrubar moitas barreiras, tanto políticas como lingüísticas”.
Pola súa banda, Rego tamén fixo referencia ás fronteiras sinalando que “Galicia precisa de Portugal e viceversa para crecer económicamente, por iso non debemos ser tan proteccionistas”. Para o portugués a proximidade idiomática é un factor que facilita a relación entre a nosa comunidade e o seu país, “unha relación que debe mellorar non só pola lingua senón pola propia supervivencia”. Deixando un lugar a esperanza, Rego indicou “que os fenómenos dos que estamos falando aquí son relativamente recentes, así que ninguén está demasiado atrasado para comezar a traballar pola lingua”.
Antes de que remate a semana dous novos relatorios pasarán polo Edificio Politécnico ás 18.30 horas. O día 29 Bilinguismo e lengua común con Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística xeral da Universidade Autónoma de Madrid e o venres 30 será a quenda de Ernesto V. Souza, doutor en Filoloxía hispánica que ofrecerá unha conferencia titulada Sempre em Carral.