DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Gimeno analiza nun artigo as fontes das precipitacións nos diferentes continentes

A árbore xenealóxica da choiva debúllase en Ourense

A publicación 'Reviews of Geophysics' sitúa ao investigador como o referente internacional neste eid

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 11/12/2012

O tópico e a canción din que en Galicia a choiva é arte. Sen embargo, a partir de agora tamén poderán dicir que en Galicia a choiva é ciencia e ciencia punteira no eido internacional. O investigador da Universidade de Vigo Luis Gimeno, á fronte dun equipo internacional de expertos, vén de publicar na prestixiosa publicación Reviews of Geophysics un artigo no que, a través de 50 páxinas, compendia todo o que se sabe na actualidade sobre as fontes das precipitacións que se producen nos diferentes continentes e lanza as preguntas de futuro que deberá abordar esta disciplina. A súa elección hai dous anos por parte da revista para realizar este artigo e a súa publicación este mes de novembro, sitúano como referente internacional neste eido. En case 50 anos de existencia, só outros dous autores españois foron escollidos para publicar nesta publicación e é a primeira vez que o fai a un investigador español nun tema relacionado co océano.

Redes e cambio climático

O artigo, titulado Oceanic and terrrestrial sources of continental precipitation, está asinado ademais por Andreas Stohl, Ricardo M. Trigo, Francina Domínguez, Kei Yoshimura, Lisan Yu, Anita Drumond, Ana María Durán-Quesada e Raquel Nieto, que foron escollidos polo investigador ourensán para completar cada un dos aspectos específicos tratados no documento. Ao longo das 50 páxinas que o compoñen, Luis Gimeno e os seus colaboradores debullan todo o coñecemento que existe hoxe en día sobre as fontes das precipitacións. “O noso traballo é responder á pregunta de de onde vén a humidade da choiva e facelo cun carácter científico pero tamén divulgativo. Para que hoxe chova en Galicia fai falla humidade, humidade que procede da evaporación de auga na terra e nos océanos, e un mecanismo que eleve e transporte esa humidade ata aquí”, explica o investigador do Grupo Ephyslab do campus de Ourense.

Rexión a rexión, o documento identifica o ADN da auga que cae en cada unha, evidenciando aspectos como a orixe na zona subtropical norte do Océano Atlántico das precipitacións na maior área continental, que se estende desde México ata partes de Eurasia, e incluso no continente suramericano durante o inverno no hemisferio norte; ou como o Pacífico Sur e o Océano Índico representan a principal fonte tanto para Australia coma para Indonesia. O artigo analiza tamén as orixes das precipitación en zonas de especial sensibilidade por fenómenos adversos, como as inundacións, ou como hai territorios que reciben humidade da evaporación do seu mesmo hemisferio, como o norte de Europa e o este de Norteamérica, ou de varios hemisferios con grandes variacións estacionais, por exemplo o norte de Suramérica.

Alén de describir toda a rede de nacemento das precipitacións, o artigo tamén poñe sobre a mesa as consecuencias que o cambio climático está a ter e pode ter no futuro nestas fontes de precipitacións. “Co cambio climático prodúcese un aumento da temperatura do mar e do planeta e un cambio na circulación atmosférica. Hai unha maior evaporación e polo tanto increméntase o vapor de auga que vai á atmosfera. A cuestión agora é estudar a onde irá este exceso e como vai influír na cantidade de choivas nas próximas décadas”, advirte o científico.

Dous anos de traballo

“Para nós foi un grande orgullo que nos encomendaran facer este artigo de revisión, porque nos encargaron o tremendo reto de compendiar e centrar todo o coñecemento neste tema. Foi un meticuloso traballo de dous anos que ten agora a súa compensación porque nos presenta diante da comunidade científica internacional como as persoas referentes para coñecer as fontes das precipitación en calquera lugar do mundo”, destaca Gimeno.

Reviews of Geophysics, que encabeza a clasificación de revistas da súa categoría, pertence á American Geophysical Union, que publica entre 15 e 20 artigos de revisión ao ano encargados por invitación aos máis prestixiosos científicos no campo da xeofísica, entre eles cinco ou seis textos de ciencias oceánicas e atmosféricas, como o de Gimeno. “Que elixiran a un científico da Universidade de Vigo é especialmente importante tanto polo tema do artigo como pola investigación realizada porque teñen vinculación directa coas áreas de traballo do Campus do Mar, a principal liña de especialización estratéxica da Universidade de Vigo, como do Campus da Agua, a liña de especialización do campus de Ourense”, subliña o investigador.