DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito alumnas do campus pontevedrés protagonizan o vídeo difundido nesta xornada

A Área de Benestar, Saúde e Deporte súmase á conmemoración do 8M pondo en valor as deportistas da UVigo

Dos 32 deportistas de elite da Universidade, 24 son mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Deportes
DUVI Pontevedra 08/03/2022

O pasado mes de xullo, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobaba o primeiro Estatuto do estudantado deportista da institución académica, converténdose, como sinalan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, nunha das poucas institucións académicas españolas “que contan cun documento deste tipo e a única” que contempla tres tipos de deportistas (practicantes, de nivel intermedio e de elite). Desde a aprobación desta norma, que ten como obxectivo promover e apoiar o deporte universitario, 32 estudantes da institución académica foron cualificadas e cualificados como deportistas de elite, dos cales 24 son mulleres, un dato que a Área de Benestar, Saúde e Deporte quixo pór de relevo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller a través dun vídeo protagonizado por oito deportistas de elite que son tamén alumnas do campus de Pontevedra.

Co vídeo que este 8 de marzo difunden a través das redes sociais, a Área de Benestar, Saúde e Deporte quixo “achegar o noso gran de area na visualización do Día Internacional da Muller, xa que cremos que o deporte é unha potente ferramenta para lograr a igualdade entre homes e mulleres e exemplo para as novas xeracións”, salienta o técnico Alexandre Sanjorge. Realizado en colaboración e co asesoramento da Unidade de Igualdade de UVigo, a peza que segue o lema escollido pola institución académica para este 8M, Porque foron, somos, presenta en diferentes localizacións do campus oito alumnas que destacan tamén polos seus logros deportivos.

Concretamente, este vídeo serve para pór en valor a traxectoria das judokas Noelia Ínsua, estudante de Publicidade e Relacións Públicas, e Andrea Ínsua, alumna de Fisioterapia, xunto co da piragüista e estudante de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Tania Álvarez Yates. Entre as protagonistas da peza atópanse tamén as alumnas do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Lorena Nieto (caiac polo) e Marta Domínguez (squash), así como a xogadora de balonmán e estudante de Fisioterapia Carme Castro. Completan esta escolma de deportistas universitarias as taekwondistas Celia García e Sara Cortegoso, alumnas de Fisioterapia e Enfermaría, respectivamente.