DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os usuarios estarán guiados por profesionais da actividade física e da medicina deportiva

A Área de Deporte e Saúde pon en marcha os programas "En boa forma" e "A correr"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 03/03/2009

Mellorar a condición física, coidar a saúde, controlar o peso ou preparar probas deportivas específicas. As razóns son moi variadas pero todas elas encaixan á perfección nos obxectivos dos programas que a nova Área de Deporte e Saúde lanza este cuadrimestre: En boa forma e A correr, que ofrecen ao usuario o respaldo dun licenciado en educación física e deporte e dun especilista en medicina deportiva no deseño do seu plan de exercicio . Desta forma, o servizo non só axudará aos usuarios da adestrar senón a formalo e mellorar a súa calidade de vida.
A avaliación do estado xeral de saúde será o primeiro paso do programa En boa forma, e a través del os responsables do servizo determinarán a necesidade de realizar unha consulta médico-deportiva previa ao desenvolvemento do plan de actividade física personalizada. Despois, en cada paso do programa, o usuario seguirá contando co apoio deste equipo de profesionais, integrado por Juan José Crespo, especialista en medicina deportiva e os licenciados en Ciencias da actividade física e do deporte, Pablo Díaz e Carlos Paredes.
Aproxímase a carreira de 10 quilómetros da Universidade e para aqueles que queiran preparar esa proba ou calquera outra que teña como base esta modalidade, tamén se pon en marcha A correr. Mediante este programa, os usuarios contarán co asesoramento e seguimento dun profesional para inicarse na práctica de exercicios que teñan como base a carreira.

Horarios de atención

A Área de Deporte e Saúde é un servizo global e multidisciplinar que abrangue unha unidade de actividade física personalizada e unha unidade de medicina deportiva. A primeira atenderá aos usuarios no pavillón universitario. Os luns o horario de atención será de 9.00 a 12.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas; de martes a xoves, de 20.00 a 22.00 horas e os venres o horario será de 16.00 a 19.00 horas. Pola súa banda, o responsable da unidade médica estará ubicado na EUET Forestal os luns, de 18.00 a 20.00 horas e os martes de 17.15 a 19.15 horas.

Prezos e servizos

Para participar en calquera destes programas o custo é de 60 euros e é necesaria a presentación dunha fotografía, unha fotocopia dun documento que acredite a pertenza á comunidade universitaria e o resgardo do pago para a matrícula. Ademais, coa primeira inscrición cada usuario recibirá un pulsómetro de agasallo. Os usuarios tamén poderán acceder a un amplo abano de servizos médicos. A revisión médico básica (que inclúe unha exploración física e ortopédica, podoscopia, medición da tensión arterial, electrocardiograma, espirometría ademais dun estudo de peso) é gratuita para os usuarios do programa de atención personalizada que ademais, por prezos que oscilan entre os 20 e os 35 euros, poderán facerse unha revisión avanzada, acceder a unha consulta dietética, un control antropométrico, realizar unha proba de esforzo ou facer outro tipo de consultas puntuais. Os usuarios da tarxeta deportiva universitaria e outras usuarios da comunidade universitaria tamén poden acceder a estes servizos, con diferentes prezos.