DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha modalidade semipresencial, os talleres tratarán os pasos esencias na procura dun posto de trab

A Área de Emprego e Emprendemento organiza catro obradoiros para axudar ao alumnado na inserción laboral

O autocoñecemento, a redacción do currículo, as canles de ofertas e as probas de selección, eixos de

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 09/01/2018

Cun novo ano por diante, chega o momento de anotar os propósitos a cumprir ao longo dos seus 365 días. Para moitos e moitas unha das metas será conseguir o seu primeiro posto de traballo e, para que este obxectivo resulte máis doado de alcanzar, a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade organiza, ao longo deste mes de xaneiro, catro obradoiros diferenciados nos que se abordarán os pasos fundamentais que hai que dar na procura de oportunidades laborais. O primeiro dos talleres centrarase no autocoñecemento profesional dos participantes, no seguinte indicaranse os diferentes medios nos que atopar as ofertas e, finalmente, os dous últimos tratarán por unha banda sobre a redacción do currículo vitae e da carta da presentación e, por outra, do proceso de selección. Os talleres serán impartidos por Mª Reyes Fernández, técnica de orientación laboral da Universidade, e a docencia será virtual cunha única sesión presencial, en cada obradoiro, que terá lugar no edificio Miralles. A responsable dos talleres explica que xorden dunha necesidade real, posto que “existen moitas persoas que aínda que teñen un bo perfil, non saben ‘venderse’ á hora de optar a un posto de traballo”. Os interesados e interesadas poderán matricularse ata dous días antes do inicio de cada un dos cursos.

Autocoñecemento das habilidades e canles de emprego

“Estes cursos buscan atender os catro pasos básicos que hai que dar na procura de traballo. Dende coñecer as habilidades de cada un, ata o paso final, que é a proba de selección”, explica Fernández. Cada un destes talleres abordará as diferentes etapas que forman parte do proceso de busca de emprego. Deste xeito, entre o 16 e 31 de xaneiro, desenvolveranse dous talleres, un deles abordará o autocoñecemetno das competencias e o outro a localización das canles das ofertas laborais.

Para comezar a inserción laboral resulta básico identificar as habilidades de cada un, fomentar o autocoñecemento e deseñar un proxecto. Este é obxectivo do primeiro dos obradoiros, que tratará de facilitar a aparición de actitudes positivas durante a busca de emprego, unha actitude esencial para aumentar as posibilidades de éxito neste labor, así como aprender a avaliar o mercado de traballo, tanto a situación actual como as tendencias do futuro, e a analizar o grao de empregabilidade. Segundo resume Reyes Fernández, será “unha boa oportunidade para elaborar un balance das competencias e localizar, deste xeito, tanto os puntos fortes como os febles de cada un".

O segundo curso, titulado Como e onde buscar traballo, céntrase noutra das etapas básicas para a busca dunha oportunidade profesional: identificar as diferentes canles a través das que se divulgan as ofertas laborais como, por exemplo, bolsas de traballo, webs corporativas, consultarías de selección de persoal, medios de comunicación, listas de oposicións e contratacións de organismos públicos. Ademais, neste taller abordarase a relevancia de redes sociais como Linkedin ou Xing e as redes de contactos, ou networking, tanto persoais como virtuais. Outro dos temas que se tratará será a importancia da figura do cazatalentos, profesionais que buscan candidaturas que encaixen en ofertas que non aparecen publicamente.

O currículo e probas de selección, esenciais nos obxectivos laborais

Para poder destacar fronte aos demais é preciso elaborar un currículo e unha carta de presentación que dean unha impresión positiva, favorable e convincente da candidatura, e ese será o obxectivo do terceiro dos obradoiros, que comezará o 23 de xaneiro e rematarán o 7 de febreiro cunha única sesión presencial o primeiro día en horario de mañá. Tanto a formación académica como a experiencia profesional previa son un filtro á hora de seleccionar as e os aspirantes para un posto de traballo e, por este motivo, estes documentos teñen unha grande importancia á hora de ofrecer unha primeira imaxe. Neste curso abordaranse os conceptos chave para elaborar un bo currículo e unha carta de presentación e os e as participantes elaborarán dous modelos alternativos que serán enfocados, por un lado, a unha oferta de emprego en concreto e, por outro, a unha autocandidatura.

A derradeira etapa para conseguir o propósito de aninovo de obter un posto de traballo é o proceso de selección e as entrevistas persoais, paso no que se centra o cuarto é ultimo dos cursos. Coas mesmas datas do obradoiro anterior, este taller ensinará aos asistentes as ferramentas esenciais para afrontar con éxito probas como dinámicas de grupos, test psicotécnicos ou entrevistas laborais, deseñadas para avaliar os coñecementos e as aptitudes da e do aspirante. “A idea é que os asistentes sexan capaces de localizar a oferta de emprego axeitada ás súas capacidades e de elaborar o seu currículo, tamén saiban completar o proceso de inserción laboral, superando estas probas”, asegura Fernández.