DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada no Edificio Xurídico-Empresarial

A Área de Igualdade fomenta a reflexión e o debate sobre a conciliación no seo da comunidade universitaria

A comparación con Europa e os horarios centraron as intervencións

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 18/02/2009

Son moitas as ocasións nas que o traballo supón unha fonte de conflito á hora de ter unha vida persoal e familiar totalmente satisfactoria. Unha das claves para solucionar este problema é a conciliación das distintas facetas, cuestión que centrou a xornada Conciliación da vida persoal, familiar e laboral, celebrada este mércores no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial co obxectivo de afondar nesta problemática, ofercer propostas e botar unha ollada ao que se está a realizar nesta materia no resto de Europa.
Durante o acto de inauguración da xornada, Ana Garriga, directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo, destacou o especial interese que se ten dende a área en que se aborde este tema “que exista reflexión e debate no seo da comunidade universitaria, porque entre as accións que queremos levar a cabo atópase a de chegar a un acordo nesta materia”.
Pola súa banda, Beatriz Cuíña, vicexerente do campus, sinalou “a conciliación como un factor clave para o funcionamento”. Neste senso, o pasado mes de xaneiro aprobouse en Consello de Goberno o Plan operativo de xestión, no cal figura un apartado específico dedicado ao desenvolvemento da política integral de persoal, que establece unha liña de acción para a creación de medidas en materia de conciliación laboral. “Se ben é certo que a normativa aplicable actualmente ao persoal de administración e servizos establece obrigacións legais, nós entendemos que se pode facer máis e seguir avanzando na materia”, concluíu Cuíña.
Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, foi o encargado de pechar o acto inaugural, indicando que “este é un tema fundamental pero que semella unha utopía e vivímolo día a día”. Gálvez fixo referencia neste caso a súa propia experiencia persoal, onde lle resulta complexo compatibilizar o seu traballo coa vida familiar. Tamén fixo referencia na súa intervención a outro aspecto relevante como é “a cantidade de tempo que transcorre na universidade ata que un chega a ter un traballo estable”, o que supón un problema engadido, “esta tardanza fai que se teñan que atrasar os plans para ter fillos”. O vicerreitor rematou felicitando á Área de Igualdade pola súa iniciativa e animando “a buscar políticas que permitan a conciliación real”.

Conciliación da vida familiar e laboral en Europa

O primeiro relatorio foi o ofrecido por Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que afondou na temática da xornada poñendo en relación a situación española coa do resto de Europa. Cabeza comezou a súa intervención convocando a comunidade universitaria “para que as políticas de conciliación, como parte integrante dun hipotético plano de igualdade, poidan ter máis rango e máis interese do que tiveron no pasado”. A continuación entrou en materia comezando a explicar as políticas que fundamentalmente afectan á conciliación, como son as medidas de regulación de permisos e interrupcións nas carreiras profesionais, as políticas de Seguridade Social, a distribución flexible do tempo de traballo e os servizos de asistencia a nenos e maiores. Neste senso a dificultade para abordar as políticas de conciliación reside “na necesidade de crear un sistema integrado de medidas”.
No tocante aos obxectivos que deben perseguir ditas medidas destacan os de servir como instrumento de fomento do emprego e, en concreto, do emprego da muller; para incrementar a natalidade e como instrumento de corresponsabilidade entre homes e mulleres. Cabeza subliñou neste aspecto que “somos uns dos últimos países de Europa en emprego feminino”.

Normalización dos horarios españois

Ignacio Buqueras y Bech, presidente da Comisión Nacional para la Racionalización de los Horarios Españoles, foi o encargado de pechar a xornada cunha intervención a favor da equiparación das horas de traballo en España coas da Unión Europea. Precisamente na racionalización dos horarios comeza o traballo para lograr a conciliación, “necesitamos uns horarios máis europeos e máis humanos, en definitiva uns horarios que permitan maior calidade de vida”.
Os horarios actuais non facilitan a conciliación, son “uns horarios machistas, froito dunha época na que había un claro reparto de papeis, o home traballaba fora da casa e a muller dentro”. No período no que nos atopamos séguense mantendo eses horarios, “as mulleres saíron da casa, pero os homes aínda non entraron”.
Se miramos cara Europa a situación é totalmente distinta. Somos o país que traballamos máis horas e sen embargo estamos á cola da produtividade. Por outra banda, “o español medio durme 53 minutos menos que a media europea e isto afecta tanto á saúde como aos accidentes laborais”, un aspecto no que desgraciadamente si estamos á cabeza de Europa.
Buqueras rematou facendo un repaso ao Decálogo para a racionalización de horarios no marco laboral que se propón dende asociación que preside. Este listado sinala como algunhas prioridades, separar o persoal do laboral, aprender a dicir que non, ser puntual ou substituír as comidas de traballo por almorzos, entre outras.