DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de inscrición remata o 3 de febreiro

A Área de Innovación Educativa pon en marcha un curso de Técnicas de Comunicación en Público

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 01/02/2011
Un bo docente debe ter a capacidade de transmitir eficientemente os seus coñecementos e achegas ao seu alumnado. Conscientes desta realidade Área de Innovación Educativa, pon en marcha o curso Técnicas de comunicación en público que se impartirá no campus de Pontevedra no mes de marzo. De carácter presencial, calquera docente da Universidade poderá inscribirse desde a plataforma Bubela.

O curso está orientado a que o profesorado logre acadar procedementos que lles permitan gañar confianza e mellorar a súa expresión vocal e corporal para sacar o máximo rendemento das súas exposicións. Para iso o obradoiro centrarase en que os asistentes tomen conciencia das posibilidades expresivas do seu corpo, así como da importancia do adestramento da voz coa posta en práctica de técnicas de emisión e proxección vocal.

Por outra banda tamén haberá un apartado do programa centrado en analizar e manexar o espazo de acción e a posta en escena, ademais de detectar e superar as dificultades e inseguridades que se presentan ao falar en público, favorecendo así unha comunicación eficaz. O obxectivo é conseguir que os matriculados sexan quen de construír un discurso con eficacia, amosando seguridade, convicción e credibilidade ante o grupo de persoas ao que se dirixan. Impartido polo profesor Alfonso Rodríguez Fernández e cun total de 20 prazas dispoñibles, traballarase coa respiración, co corpo, coa voz, co espazo e coa comunicación.

Período de inscrición e docencia

A través da plataforma Bubela calquera docente da universidade poderase inscribir ata o 3 de fabreiro de 2011. Serán vinte horas de obradoiro repartidos entre os días 7, 8, 9, 10 e 11 de febreiro de 2011, en horario de 16.00 a 20.00 h.