DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos ao público en xeral

A Área de Normalización Lingüística abre o prazo de matrícula dos cursos de formación en lingua galega para o primeiro cuadrimestre

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 10/09/2008

Dous cursos de iniciación, un de perfeccionamento e un de redacción de textos escritos, compoñen o programa de formación en lingua galega que a Área de Normalización Lingüística ofrece para o primeiro cuadrimestre nos tres campus.
Aínda que a matrícula é gratuíta para os membros da comunidade universitaria, estes cursos están abertos ao público xeral a un prezo de 60 euros. As prazas adxudicaranse por orden de inscrición da matrícula, que xa pode realizarse a través da plataforma Bubela.
O nivel de iniciación, dirixido a persoas sen coñecementos de galego, está pensado para facilitar a aprendizaxe á xente de fora da comunidade que poderá así preparar o certificado Celga 1 que expide a Xunta de Galicia, nun curso semipresencial que dará comezo o 7 de outubro. Os estudantes estranxeiros contan tamén cun curso específico, presencial que comezará o día 16 do mesmo mes.
Para aqueles que xa teñan certa competencia lingüística, o día 1 comeza o curso preparatorio para o certificado Celga 4, tamén na modalidade semipresencial. Esta modalidade consta dunha serie de leccións e exercicios que se realizarán a través da plataforma FaiTic e unhas oito horas presenciais destinadas a potenciar a destreza oral dos alumnos. Para conseguir os certificados oficiais é necesario superar a proba de avaliación establecida pola Xunta de Galicia polo que a Universidade unicamente expedirá un diploma de asistencia. O curso de redacción de textos escritos é específico da Universidade de Vigo e está dirixido a persoas con competencia na lingua escrita. Realizarase de maneira virtual a partir do día 1 de outubro e contará cunha proba de avaliación.
A duración de todos os cursos é de 75 horas, agás o de redacción de textos escritos, de 40 horas, e concederanse aos estudantes 2 créditos de libre elección.