DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta inclúe os Celga 1 e 4 e cursos de extensión cultural e redacción de textos

A Área de Normalización Lingüística impulsa a formación en lingua galega cunha nova quenda de cursos

A matrícula realizarase a través de Bubela ata o 20 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/02/2009

Inicial, intermedio e específico, son os tres niveis nos que se inclúen os cursos de formación en lingua galega que ao longo do segundo cuadrimestre organiza a Área de Normalización Lingüística. Gratuítos para a comunidade universitaria e cun custo de 60 euros para o público en xeral, os cursos de nivel inicial e intermedio impartiranse nos tres campus, mentres que o específico desenvolverase unicamente en Vigo. 0 22 de febreiro é a data límite a para realizar a matrícula que debe facerse efectiva a través da plataforma Bubela.
Dentro do nivel inicial insírense os cursos Celga 1 e o de Extensión cultural. Destinado á iniciación de persoas sen coñecementos da lingua galega, o Celga 1 impartirase en modalidade semipresencial entre o 4 de marzo de o 14 de abril, contabilizando un total de 75 horas. Pola súa banda, o Curso de extensión cultural é un curso presencial dirixido a estudantes de programas de intercambio que se desenvolverá ao longo de 75 horas entre marzo e xuño.

Para persoas con competencias en galego

No nivel intermedio, o Celga 4 é un curso semipresencial de nivel avanzado para persoas con competencia lingüística en galego. Con contidos centrados en aspectos ortográficos, gramaticais e léxicos, o Celga 4 desenvolverase do 3 de marzo ao 14 de abril. Dentro dos cursos específicos organizados pola Área de Normalización Lingüística, o 2 de marzo comezará o de Redacción de textos escritos, un curso virtual de 40 horas de duración, destinado a persoas con competencia escrita en galego.
Pola realización de cada un dos cursos concederanse 2 créditos (ECTS) de libre elección e a Universidade de Vigo expedirá unicamente un certificado de asistencia para os novos cursos Celga 1 e Celga 4. O diploma oficial obterase unha vez superada a proba de avaliación establecida pola Xunta de Galicia.