DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como novidades, un sobre a calidade lingüística no TFG e TFM e outro sobre os erros máis frecuentes

A Área de Normalización Lingüística organiza seis cursos de galego en liña para o segundo cuadrimestre

A docencia comeza en marzo e a matrícula está aberta ata o 25 de febreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/02/2022

O catálogo de cursos da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre presenta unha oferta renovada pero segue apostando pola virtualidade para chegar a todos os campus e facilitar a participación da comunidade universitaria. Entre as novidades para os vindeiros meses, a ANL aposta por lanzar un curso para mellorar a calidade lingüística dos traballos fin de grao e fin de mestrado e outro sobre os erros máis frecuentes na lingua galega. Tamén se reconfigura o curso de extensión cultural dirixido a estudantes estranxeiros de programas de mobilidade, que reduce a súa duración e pasa a denominarse Curso de iniciación á lingua galega. 

En total, entre marzo e maio impartiranse seis cursos en liña abertos a toda a comunidade universitaria e de balde. A inscrición, a través da plataforma Bubela, pode realizarse ata o 25 deste mes de febreiro e todos os cursos están recoñecidos con créditos ECTS.

Tres novidades

Unha das novidades para este segundo cuadrimestre é o curso A calidade lingüística no teu TFG ou TFM que, cunha duración de 30 horas, comezará o 4 de abril e rematará o 6 de maio. Pensado especialmente para estudantes, o obxectivo é mellorar a calidade da lingua nos traballos de investigación, afondar nos parámetros de redacción académica e científica e fomentar o uso do galego nos traballos de investigación.

Outra das novidades é o curso sobre os erros máis frecuentes na lingua galega que, coa mesma duración e datas, se centrará en repasar a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo e corrixir os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega. Esta nova proposta docente da ANL tamén se converterá nos próximos meses nunha publicación didáctica e divulgativa que virá a completar o catálogo de volumes do servizo. 

Pola súa banda, o curso de iniciación á lingua galega resulta dunha reformulación do curso de extensión cultural que se viña ofrecendo ao alumnado estranxeiro, como unha inmersión na lingua e cultura galegas. Dende a ANL decidiron reducir a súa duración case á metade, pasando de 75 a 40 horas, que se centrarán en achegarlle ás persoas participantes unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. En modalidade virtual síncrona, terá unha duración de 40 horas que se distribuirán entre o 8 de marzo e o 5 de maio, e abordará temas como os saúdos e presentacións, os hábitos e os oficios, as relacións comerciais cotiás, os alimentos e os hábitos culinarios en Galicia ou aspectos relacionados co lecer e as viaxes, ademais de contidos relacionados coa gramática, a ortografía ou a semántica.

Os cursos que repiten

A oferta de cursos para esta primavera complétase con outras tres opcións. Por unha banda, un curso avanzado de galego de 40 horas de duración que se desenvolverá entre o 4 de abril e o 5 de maio, dirixido a persoas que xa posúen un nivel medio ou medio-alto e queiran mellorar a calidade lingüística e aumentar a súa competencia comunicativa en lingua galega. A finalidade é que poidan ampliar o coñecemento da lingua galega nun sentido integral, depurar os erros lingüísticos máis frecuentes, empregar diferentes recursos lingüísticos que permitan unha mellora da práctica comunicativa e adquirir unha competencia comunicativa en lingua galega de maior calidade.

Outro curso que repite é o de Corrección da escrita coas TIC. Comprende 30 horas de docencia entre o 7 de marzo e o 1 de abril. O obxectivo é coñecer diferentes ferramentas de corrección e de tradución e outros recursos que axudan a empregar unha lingua de calidade de maneira sinxela e achegar a realidade das linguas no contexto dixital e de comunicación global e coñecer as principais ferramentas de corrección dispoñibles para o galego.

Finalmente, completa o catálogo o curso de linguaxe administrativa e xurídica, que se impartirá entre o 4 de abril e o 6 de maio, cun total de 40 horas de docencia centradas en achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. As e os asistentes poderán analizar os trazos máis significativos da linguaxe administrativa e xurídica e as principais dificultades que atopa no seu desenvolvemento, ao tempo que traballan para corrixir as inercias e as dependencias do castelán.