DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 30 millóns de persoas falan este idioma da familia turca

A Área de Normalización Lingüística pon en marcha un novo curso de lingua azerí

Os interesados poden inscribirse ata o vindeiro día 14

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 09/10/2009

Tras o éxito do curso anterior, no que se matricularon vinte e cinco persoas, a Área de Normalización Lingüística organiza este cuadrimestre un novo curso de iniciación ao azerí, unha lingua da familia turca, influída polo persa e o árabe, oficial na República de Acerbaixán e tamén falada noutros países como Irán, Armenia, Xeorxia, Iraq, Turquía e Rusia. A día de hoxe a estimación é que máis de 30 millóns de persoas falan esta lingua.
Con esta iniciativa a Universidade segue apostando polo achegamento ás diferentes linguas e culturas de todo o mundo xa que, sumada á oferta do Centro de Linguas, son xa arredor de vinte os cursos de idiomas aos que teñen acceso tanto a comunidade universitaria como a poboación en xeral.
O curso, que terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución ata o vindeiro mes de xaneiro, volverá ser impartido polo profesora Mina Shayan, para quen o azerí, unha lingua bastante descoñecida na nosa contorna, é o seu idioma nativo. “É unha lingua que en nada se asemella ao español pero que resulta relativamente doada de aprender porque o alfabeto é latino. Ademais, o feito de saber galego axuda moito á hora de aprender a pronunciar o azerí”, explica Mina, quen, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Azad de Teherán, chegou á Universidade de Vigo hai pouco máis dun ano para especializarse en cuestións de xénero.
As clases estarán maioritariamente centradas na conversación e na gramática, se ben tamén haberá lugar para amosar a cultura, os costumes e as tradicións dos lugares onde se fala esta lingua, aspectos que o curso pasado espertaron gran curiosidade entre os asistentes ao curso. “Aos alumnos e alumnas encántalles coñecer a cultura, historia, xeografía e mesmo a actual situación política da ampla zona onde se fala”, salienta a docente valorando a experiencia do curso anterior.
O obxectivo do curso é que, unha vez rematado, o estudante poida manter unha pequena conversación en azerí. “Trátase de que se por exemplo vai de viaxe a calquera destas zonas saiba defenderse e teña unhas nocións básicas desta lingua”, indica Mina, quen salienta que máis adiante se tentará por en marcha novos cursos dun nivel máis avanzado para que os estudantes poidan seguir mellorando nas súas competencias en azerí.

Información e matrícula

O curso, no que os interesados poden inscribirse ata o vindeiro día 14 , ten unha duración de 40 horas e impartirase os luns e os mércores de 15.00 a 17.00 horas. A matrícula é gratuíta e para formalizala haberá que presentar, persoalmente ou por correo postal/electrónico o boletín de inscrición.
Para obter o certificado oficial de asistencia e aproveitamento do curso, expedido pola Área de Normalización Lingüística, os alumnos terán que superar unha proba escrita establecida pola profesora e asistir, como mínimo, ao 80% das clases. Así mesmo, o curso validarase por dous créditos de libre elección ECTS.