DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Daniel Costas, Ledicia Costas e Carmen Barros son os galardoados deste ano

A Área de Normalización Lingüística premia a creatividade literaria en lingua galega

Os Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2010 entregaranse en Ourense o 25 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 19/05/2010
A creatividade literaria en lingua galega da comunidade universitaria fíxose notar ante o grande éxito de participación rexistrado nos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2010, convocados pola Área de Normalización Lingüística, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A edición deste ano contou con 40 aspirantes aos galardóns, 18 na modalidade de relato curto; 15 en poesía e 7 en tradución literaria.
Finalmente o xurado, composto por expertos no eido da lingua e a literatura galega, escolleron as obras de Xosé Daniel Costas Currás, Ledicia Costas Álvarez e Carmen Barros Rodríguez como as gañadoras dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria respectivamente, dotados con 700 euros cada un.
Dende a Área de Normalización Lingüística salientan a calidade dos textos que empregan a poesía e o relato curto como medio de expresión, ao tempo que destacan a aposta nesta edición pola tradución de clásicos universais.
A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 25 de maio no campus de Ourense con motivo do acto de celebración do Día das Letras Galegas.

O mar de Moaña e a derradeira viaxe de Trotsky toman forma de poesía

O naufraxio da nave Ave do Mar nas augas próximas á localidade de Moaña centra os versos do poema galardoado co primeiro premio, Marés de Xiz, escrito por Xosé Daniel Costas Currás, estudante de quinto curso de Enxeñaría de Minas e natural de Moaña. A súa obra componse por dous poemas longos, no que o primeiro deles, baixo o título A destempo sen querelo, “pretende ser unha homenaxe ás vítimas que morreron no afundimento, polo que tratei dun xeito a historia local e mestureina coa memoria particular do mar de Moaña como canle condutora, moi próxima a mín”, apunta Currás. Pola súa banda, o segundo poemario titulado 19 de Agosto de 1940, relata a derradeira viaxe de Leon Trotsky cara o exilio o día antes da súa morte, para o que o autor empregou a súa inventiva e meteuse no papel do dirixente soviético.
Os accésit na modalidade de poesía recaeron en A dama que fela, de Raquel Vázquez Vázquez, mentres que a segunda mención foi para Pablo Lourido Fernández, autor de mmHg.

Numeroloxía e filosofía moderna levan o premio de tradución literaria

O primeiro premio na modalidade de tradución literaria recaeu en Carmen Barros Rodríguez, estudante de cuarto curso de Tradución e Interpretación. A galardoada, que escolleu un texto da autora Hilary H. Carter, “moi na liña do Código Da Vinci”, amosouse moi sorprendida ante a noticia “xa que é a primeira vez que me presentaba a este concurso e non mo esperaba”. Segundo indica Barros, “escollín o texto porque me chamou a atención os temas que trata, como a numeroloxía e a filosofía da nova era”. A decisión de participar no concurso foi grazas aos seus profesores, indica a estudante de Tradución e Interpretación, “que mo presentaron como unha oportunidade para facer currículo e para que o traballo saia publicado”.
O accésit na modalidade de tradución foi para Mª Isabel Arjones Porto, que traballou sobre un texto de Guy de Maupassant.

O surrealismo da vida na rúa centra a temática do relato premiado

Pola súa banda, a autora de A rúa do home abatido, Ledicia Costas Álvarez, fíxose co primeiro premio na modalidade de relato curto. A estudante de quinto curso de Dereito, que xa recibira o primeiro premio de poesía no ano 2007, inspirouse na vida dos homes “que fan da rúa o seu fogar”, para crear unha obra que a autora describe como abstracta “con marcados tentes surrealistas e de corte dramático”. Segundo explica Ledicia Costas, o relato premiado xurdiu a raíz dun obradoiro literario impartido por Francisco Castro, “onde comecei a escribir esta obra, que vai formar parte dun libro de relatos centrado nesta temática, xa que teño debilidade polos personaxes marxinais”.
O primeiro accésit desta modalidade recaeu en Nínfulas, de Alberto Comesaña, premiado en máis dunha ocasión ao longo das pasadas edicións.