DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a matrícula ata o 1 de outubro, a través da plataforma Bubela

A Área de Normalización Lingüística promove un maior coñecemento da lingua galega con seis cursos de formación

A preparación para o Celga 3 é a novidade deste ano

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 25/09/2009

Co obxectivo de promover un maior coñecemento da lingua galega, a Área de Normalización Lingüística ofrece neste primeiro cuadrimestre seis cursos, tres de preparación para os Celga 1, 3 e 4, un de redacción de textos escritos, outro de extensión cultural e un para a comunicación oral.
Trátanse de cursos dirixidos a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral, “coa finalidade de transmitir coñecemento e de que sexamos conscientes da importancia da nosa lingua”, explica Xosé Henrique Costas, director da ANL. “O 99% dos galegos falan mellor o galego do que pensan e, contrariamente, exprésanse moito peor en castelán, crendo que o fan ben”, sinala Costas. Neste senso, “quérese facer fincapé en que todos temos un coñecemento, polo menos pasivo, da lingua galega e que, en realidade, suporíanos un esforzo moito menor falar o galego que falar correctamente o castelán. O problema de todo isto está nos prexuízos de cada quen”, subliña.

Unha aprendizaxe adaptada para todos os públicos

A variada oferta permite que calquera persoa poida realizar algún destes cursos, tanto aquelas máis descoñecedoras da lingua galega como as que queiran perfeccionala.
Son tres os niveis do Celga para o cal se ofrece unha completa preparación. “A novidade este ano é o Celga 3, destinado a persoas con pouca competencia na lingua galega pero con coñecemento dela”, apunta Costas. Todos eles son semipresenciais, desenvolveranse a través do Servizo de Teledocencia Faitic da Universidade e complementaranse con sesións presenciais de titorización e seguimento. A eficacia dos cursos está a resultar positiva, pois ao longo de todos estes anos “o 90% da xente que os realiza con nós supera logo a proba establecida pola Xunta de Galicia que lle outorga o certificado oficial”, comenta o director da ANL. Outra das mostras desta boa acollida é a alta demanda que están a ter e que, en ocasións, “supón deixar a moitos fóra”.
Por outra banda, está o curso de redacción de textos escritos, tamén de xeito virtual. De modalidade presencial son o de galego para a comunicación oral e o de extensión cultural. Este último está dirixido a aqueles estudantes estranxeiros, que se atopan na Universidade de intercambio, “interesados en achegarse á lingua galega, que son moitos”, remarca Costas. Segundo el, xa foron “uns cantos” os que nestas datas se achegaron á Área de Normalización Lingüística preguntando por este tipo de cursos. E xa non só é o interese amosado senón que, algo a destacar neste cuestión, é a facilidade de aprendizaxe que teñen, un exemplo claro, comenta o director da ANL, “ son os hindús e polacos que tivemos aquí neste verán, que aos quince días falaban galego de corrido”.

Información e matrícula

Aquelas persoas interesadas en realizar algún destes cursos teñen de prazo para inscribirse, a través da plataforma Bubela, ata o 1 de outubro, agás para o curso de extensión cultural para o cal será o 22 do mesmo mes o último día. Establécense un número mínimo de dez persoas preinscritas en todos os cursos, de non acadarse esa cifra podería ser anulado.
A matrícula é de balde para os membros da comunidade universitaria e estudantes de intercambio, aquelas persoas alleas á institución deberán aboar unhas taxas de 60 euros por curso.
A superación do curso, o que supón o cumprimento co correspondente control de asistencia, dará dereito á expedición dun diploma acreditativo, así como de dous créditos de libre elección.