DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elixido nun congreso internacional celebrado en México

Argimiro Rojo liderará a creación da Asociación Internacional de Defensores Universitarios

O primeiro paso será a elaboración dun informe para coñecer a situación desta figura nos diferentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/11/2012
O presidente do Tribunal de Garantías e Defensor da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo,foi elixido nun encontro internacional celebrado en México coordinador xeral da creación e posta en marcha da Asociación Internacional de Defensores Universitarios, “algo moi necesario e totalmente coherente cunhas sociedades cada vez máis abertas, interdependentes e globalizadas e, por isto mesmo, necesitadas de xestionar os seus asuntos comúns conforme ao paradigma da gobernanza global”, subliñou xa de regreso en Vigo o profesor Argimiro Rojo, que explicou que de momento a figura do Defensor Universitario funciona por rexións, “hai unha conferencia a nivel español, outra asociación a nivel europeo, en América Latina hai tamén varias asociacións, pero temos que dar o salto cara unha organización global”.

O primeiro paso será, segundo o Defensor Universitario vigués, a elaboración dun informe para coñecer “en detalle” a situación a nivel internacional, xa que as funcións e tipo de organizacións non son iguais en todos os países. “Hai países nos que o Defensor só se ocupa de defender os intereses dos alumnos, noutros casos só dos profesores, noutros, como no caso de España, defenden a toda a comunidade universitaria”, subliña Rojo, en referencia a importancia de encontrar un denominador común dentro das asimetrías existentes.

Entre as principais dificultades da tarefa que lle foi encomendada Argimiro Rojo destaca a necesidade de convencer ás asociacións rexionais ou continentais existentes de que deben perder certo protagonismo a favor desta nova organización global. O argumento teno claro “xuntos podémolo facer mellor, vivimos nun mundo globalizado que reclama que este organismos, que a día de hoxe teñen unha importancia crecente na gobernanza das universidades se integren como se está integrando todo”, subliñou.

Un factor clave de boa gobernanza

Argimiro Rojo acudiu ao Encontro Internacional de Defensores Universitarios, organizado pola Rede de Defensores dos Dereitos Universitarios e a Universidade Nacional Autónoma de México, en representación da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios de España, CEDU. Como poñente invitado reflexionou sobre a natureza e funcións das Defensorías Universitarias (DU) insistindo na idea de que estamos ante un órgano singular, específico e inconfundible dentro do sistema institucional universitario, “unha institución de garantía que emana e participa da natureza dos ombudsmen consagrados aos nosos ordenamentos xurídicos fundamentais e a quen se lle encomenda a defensa e promoción dos dereitos da comunidade universitaria”, especifica o profesor vigués.

Tras presentar a figura do Defensor Universitario como un factor clave de boa gobernanza e destacar o seu alto grao de funcionalidade e eficiencia, en atención as súas prestacións e baixo custe, o Argimiro Rojo insistiu na “necesidade de seguir explorando a natureza e razón de ser das Denfensorías a fin de poder avanzar na identificación de todas aquelas tarefas que lle son propias”, entre elas, contribuír á invención e implantación de valores, principios e dereitos de nova xeración tanto no seo das universidades como no conxunto da sociedade “da que non podemos desligarnos”, recalca Rojo, que fai referencia a valores como a solidariedade e a non discriminación orientados cara a protección de minorías e colectivos, á protección fronte aos riscos da Informática e do ciberespacio, o valor do respecto, etc.