DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Purificación Mayobre afondou na relación entre filosofía e xénero en CC da Educación e d

Aristóteles xa contaba con competencia feminina

Considera importante que as novas xeracións dispoñan dunha selección de mulleres referentes nesta di

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 15/11/2011

A película Ágora, de Alejandro Amenábar, reflectiu o intenso labor científico e filosófico de Hipatia de Alexandría, unha das principais referencias femininas do mundo do saber, “aínda que sería unha gran descoñecida se o cine non axudara a divulgar a súa figura”. Con este exemplo, a profesora da Universidade de Vigo Purificación Mayobre, nova convidada ao ciclo de conferencias Introdución da perspectiva de xénero en áreas de coñecemento organizado pola Unidade de Igualdade da man da profesora Mari Lires, afondou no papel das mulleres na filosofía e aclarou que, “a pesar de que os libros de texto non as mencionen, existiron pensadoras dende as escolas gregas ata a actualidade”.

A filosofía, como eido do saber, defende o logos (razonamento), o saber universal ou a procura da verdade, “pero foi un dos últimos ámbitos que aceptou a categoría de xénero”, puntualizou Mayobre que considera fundamental que dende as escolas e facultades se axude a recuperar o labor e as achegas do sector feminino nas ciencias, “totalmente necesario se queremos falar con rigor e corrixir esa fenda no coñecemento”. Ademais, esta recuperación é imprescindible para que as novas xeracións coñezan as principais referentes femininas da historia, "facendo fincapé en que sempre houbo mulleres que destacaron en todas as disciplinas", co obxectivo de potenciar un espírito de superación e de recoñecemento entre a mocidade.

Un ser subalterno

Purificación Mayobre afondou no concepto que os filósofos clásicos tiñan sobre a perspectiva de xénero. “Dende Aristóteles ata Freud considerouse á muller como un ser subalterno, unha condición que viña dada pola súa propia natureza, sen capacidade para pensar por si mesma”. Esta postura contou co beneplácito da sociedade da época “que unicamente apoiou as achegas dos intelectuais hexemónicos, que eran os que lexitimaron o status quo establecido, e rexeitaban calquera teoría que cuestionase algunha das súas posturas”, aclarou Mayobre. Como consecuencia, “as mulleres, polo simple feito de ser mulleres, xa quedaban excluídas”, engadiu.

No contexto actual, aínda que os estudos de xénero e o acceso a novas fontes de información como internet axudaron a reivindicar este recoñecemento da muller na filosofía, os libros de texto das ensinanzas superiores, como os de Bacharelato, seguen sen contribuír á causa. Como explicou a profesora e investigadora, “os libros de filosofía de hoxe en día son unha especie de receita descontextualizada das filosofías hexemónicas, que se lle entrega ao alumnado para unicamente aprobar a Selectividade”. Engadiu que temas como a sexualidade, a masculinidade ou a feminidade, nos que moitos filósofos reflexionaron, “quedan no tinteiro e marxinados”.

Dende a época grega ata a actualidade

Mayobre aproveitou a súa intervención para achegarlle ao alumnado dos Graos en Educación Infantil e Primaria unha selección das principais mulleres filósofas dende a época grega ata a actualidade. En primeiro termo destacou a Hipatia de Alexandría, “coñecida ata hai pouco soamente polos expertos en filosofía antiga ou a través dos estudos de xénero”, matizou. Na Idade Media salientou a figura de Hildegarda de Bingen, “unha abadesa que recorreu ao misticismo para poder expresar as súas ideas e falar en primeira persoa”. Na época moderna, Mayobre botou man das pensadoras Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft, “considerada como unha das referencias do movemento feminista”. Xa na época contemporánea falou de Simone Weil, Simone de Beauvoir e de Hannah Arendt, “unha intelectual xudea de vital importancia, á que, por ser muller, non se lle outorgou o seu lugar na filosofía do século XX”.

Aínda que eran sabias de distintas épocas, todas coincidiron no convencemento interior de ser quen de expresarse por si mesmas sen ter que recorrer ao discurso dos varóns, “atrevéndose a falar con voz propia e superando esa consideración de xénero subordinado”, concluíu.