DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A intervención pódese visitar en excursións organizadas os martes e xoves

Armea descubre os seus segredos en vivo e en diferido

Na canle de Youtube do Laboratorio de Arqueoloxía iranse publicando vídeos do proxecto arqueolóxico

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 11/07/2011
Desde principios de xullo os arqueólogos da Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo traballan nas estruturas rupestres do Monte do Señoriño en Armea-Santa Mariña de Augas Santas no marco do proxecto de posta en valor deste complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural. Debido ao interese suscitado por esta descuberta e ao afán divulgador do laboratorio, o traballo de campo desta investigación vén acompañado por unha ampla actividade divulgadora co obxectivo de contribuír ao coñecemento e ao respecto destas estruturas e do traballo dos arqueólogos en xeral.

O proxecto de Armea está liderado polo Laboratorio de Arqueoloxía-Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e conta coa participación do Concello de Allariz e dos arqueólogos David Pérez e Celso Barba, ademais de ter o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Na súa presentación Adolfo Fernández, director da intervención, explicou a pretensión do seu equipo de que “queremos que sexa unha intervención o máis aberta posible, que os veciños e os interesados poidan coñecer in situ o traballo que facemos os arqueólogos”.

Con este obxectivo organízanse os martes, ás 11.00 h, e o xoves, ás 17.00 h, visitas guiadas ás escavacións que están canalizadas a través dos servizos de Turismo do Concello de Allariz. O seu obxectivo é que as persoas interesadas poidan coñecer da man dos propios arqueólogos que traballan alí o valor deste xacemento. “Alén das características da estrutura de Monte Señoriño, a visita tamén permite que a xente ver en persoa en que consiste o traballo dun arqueólogo”, salienta Fernández.

Para aqueles que non poidan achegarse ata Allariz a realizar esta visita ou para aqueles que unha vez feita queiran seguir ao tanto da evolución do proxecto, o Laboratorio de Arqueoloxía vén de poñer en marcha a súa propia canle de vídeo en Youtube. Nela, e na medida das súas posibilidades, irán publicando pezas audiovisuais gravadas polos propios arqueólogos nas que dan conta de diferentes actividades que están levando a cabo. O primeiro vídeo xa está dispoñible e nel pódese ver a Adolfo Fernández explicándolle a Manuel Losada, descubridor da estrutura do Monte Señoriño, as liñas xerais do proxecto de Armea.

Vídeo e redes sociais

Ademais desta presentación a Manuel Losada e como parte da actividade de divulgación do proxecto, os arqueólogos tamén explicaron a intervención que están a realizar na zona o aos veciños de Santa Mariña de Augas Santas, nun encontro celebrado no local social da vila o día 7 de xullo. Con esta reunión, os responsables do proxecto quixeron facer partícipes del aos veciños, por considerar que o seu papel é fundamental, xa que foi un veciño o que descubriu a estrutura e son os veciños os que permiten as escavacións nos terreos, os que xogarán un papel moi importante na súa conservación e os que se ven afectados pola existencia desta estrutura de valor arqueolóxico na súa localidade.

Para os seguidores das redes sociais, o laboratorio tamén informa periodicamente das novidades, avances e estado do proxecto de Armea e doutras iniciativas de arqueoloxía nas súas canles en Twitter, Facebook e no seu blog.