DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns iniciouse o Curso de Español para Estranxeiros

De Armenia, Austria... 23 estudantes estranxeiros aproveitan o verán para aprender español no Centro de Linguas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 05/07/2010

Anahit Makaryan e Heghine Kharazyan son dúas estudantes de Armenia que dedicarán parte das súas vacacións ao estudo do español e a súa cultura, un idioma que xa cursaban como segunda lingua na súa universidade de orixe e que agora pretenden perfeccionar para facer del a súa profesión “e poder exercer no futuro como profesoras de español en Armenia” comentan as alumnas. Como elas, máis de 20 estudantes de distintos países apuntáronse no Curso de Español para Estranxeiros organizado polo Centro de Linguas, dirixido por Jorge Figueroa, que deu comezo este luns na Facultade de Filoloxía e Tradución.

A través deste curso, con 40 horas de duración, o alumnado poderá aprender e perfeccionar o seu español mediante módulos teórico-prácticos, dedicados a clases de gramática e os módulos de conversa e cultura, nos que o alumnado aprende a desenvolverse na vida cotiá participando en viaxes, visitas e excursións, ao tempo que coñecen a cultura española a través de sesións sobre temas de actualidade, deportes, música, literatura ou cine, entre outros.

Na primeira xornada, o alumnado realizou unha proba de nivel para a súa organización segundo os seus coñecementos de español nos grupos de iniciación, intermedio e avanzado, nos que impartirán docencia María Méndez, David Souza e Mercedes Álvarez respectivamente. Ademais, esta tarde os estudantes terán a súa primeira toma de contacto coa “parte lúdica” do curso cunha visita guiada polo centro de Vigo, na que poderán asistir a museos e coñecer os emprazamentos máis salientables “para coñecer e familiarizarse coa cidade” sinala Méndez.

Coñecementos con moi boa acollida

Os coñecementos que proporciona o curso xunto coas actividades que se desenvolven fóra da Universidade contribúen a mellorar a satisfacción do alumnado, que coincide á hora de valorar positivamente estes estudos. Nadia Cerna, procedente da República Checa, é unha das alumnas máis veteranas deste curso, no que xa participou o pasado ano e que o puntúa “cun quince sobre dez”. Cerna, que se confesa unha “namorada de Galicia, porque ten praia, montaña e festas gastronómicas”, amósase moi ilusionada de repetir a experiencia, da que salienta a “excelente organización e a atención personalizada do alumnado en función das súas necesidades”.

Como filóloga de lingua española, a estudante checa apuntouse de novo a o Curso de Español para Estranxeiros porque, segundo comenta, “sinto paixón polo español, gústame máis que o meu propio idioma e ademais axúdame moito na miña profesión, está explicado dun xeito moi entendible e tamén podemos saír da clase, onde empregas outras palabras máis presentes na vida cotiá, que creo moi importante” afirma. A raíz desta experiencia, Cerna non descarta labrar o seu futuro profesional en Galicia e incluso considera atreverse co estudo do galego. “É unha lingua que soa cariñosa e é entrañable, ao igual que esta rexión, que me encanta” afirma a estudante checa.

Aposta pola cultura

As clases teóricas e os exercicios prácticos non son o único método para aprender un idioma e así o demostra o Curso de Español para Estranxeiros, que aposta pola cultura como aliciente para aprendizaxe do alumnado con actividades dirixidas a facilitar a comunicación dos estudantes dentro e fóra da Universidade. Precisamente a parte deste estudos dedicada á cultura é a predilecta do alumnado, como é o caso da estudante austríaca Andrea Mayr, que xa repite por segunda vez despois de participar na primeira quincena do curso en xuño. “É unha experiencia moi divertida e coa que aprendo moitísimo” afirma Mayr, que considera o español como un idioma “doado” que estuda para engadir á lista de linguas que xa domina, entre elas, o inglés, o francés o italiano e o latín.

Ademais, o curso conta coa organización de viaxes e excursións de participación voluntaria enfocadas a que o alumnado coñeza de primeira man os costumes propios da cultura galega e española. Entre as saídas programadas, o alumnado visitará este venres a península do Morrazo para achegarse ata Cabo Home e o sábado realizarán unha viaxe a Santiago de Compostela, onde poderán coñecer a cultura e a tradición galegas coincidindo coa celebración do Xacobeo. Ademais, a vindeira semana está prevista unha visita aos xacementos de Toralla "aínda pendente de confirmar” apunta Méndez.

A segunda quincena de xullo terá lugar un segundo curso, que se desenvolverá dende o día 19 ao 26, para todos aqueles que desexen completar a súa formación ou ben como oportunidade para coñecer o idioma español dende o nivel máis básico ata o máis avanzado. Tras a súa realización, o alumnado recibirá un certificado acreditativo que especifica o nivel de español segundo o Marco Europeo Común das linguas.