DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras esgotar Francisco Javier Rodríguez o máximo de dous mandatos á súa fronte

Arno Formella, candidato a director da Escola Superior de Enxeñaría Informática

A votación da xunta de centro celebrarase o 9 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 03/03/2023

Desde o pasado mes de xaneiro, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense está en proceso de renovación da súa dirección. Este venres celebrouse a proclamación definitiva de candidaturas e a única presentada é a do profesor Arno Formella. Se acada o apoio da xunta de centro, tomará o relevo ao profesor Francisco Javier Rodríguez, que estivo á fronte da ESEI desde 2016 (durante dous mandatos, o máximo posible, e medio ano máis en funcións dado que ao anterior proceso de eleccións no centro non se presentou ningunha candidatura).

Procedente da Universidad de Saarland (Alemaña), onde obtivo o título de doutor no ano 1993, Arno Formella incorporouse no curso académico 1999/2000 á Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. É profesor do Departamento de Informática, responsable do Laboratorio de Informática Aplica LIA2 e coordinador do programa de doutoramento en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables. Foi ademais o primeiro director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, desde a súa implantación no ano 2015 ata o ano 2020. Polo seu traballo de docencia, de investigación e de transferencia ten actualmente seis quinquenios e cinco sexenios recoñecidos, destacando no eido da enxeñaría informática a participación no desenvolvemento dos sistemas operativos de abordo dos primeiros picosatélites da UVigo e de Galicia (XatCobeo e HumSAT-D).

Implementación de novos títulos

O equipo co que se presenta Arno Formella ás eleccións está composto por Eva Mª Lorenzo, Rosalía Laza e Francisco Javier Rodríguez, que serían subdirectoras e subdirector respectivamente, e por Encarnación González, que sería secretaria. Trátase, explica Arno Formella, dun equipo de continuidade co que ata o de agora estaba á fronte da ESEI, agradecendo a todas elas e ao director saínte a súa disposición a continuar na dirección do centro.

Respecto ao futuro da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Arno Formella destaca que “como reto inicial está a continuación da implementación dos dous títulos novos que empezaron este curso 2022/23: o Grao en Intelixencia Artificial e o Mestrado en Intelixencia Artificial”. A ESEI, comenta o profesor da UVigo, “está nunha fase de crecemento e agora toca usar os recursos dispoñibles de forma axeitada e loitar por un incremento necesario para lograr os obxectivos que se puxo a Universidade de Vigo: estar nos máis altos niveis tanto en docencia como en investigación para así atraer aos novos estudantes no futuro próximo”. En caso de saír elixido, tamén destaca o seu desexo de dar continuidade á boa conexión existente na escola entre alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos e tamén entre a propia escola e as entidades públicas e privadas da contorna.

Valoración de dous mandatos

Pola súa banda, como balance do seu período á fronte da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez destaca que “a miña valoración deste tempo é moi positiva. Creo que sendo anos moi duros dada a problemática derivada da pandemia conseguimos na ESEI cuestións moi importantes”. Así, recalca, “temos un novo Grao en Intelixencia Artificial e un novo Mestrado en Intelixencia Artificial; puidemos recuperar o dobre grao Administración e Dirección de Empresas-Enxeñaría Informática e ampliar as prazas de entrada no Grao en Enxeñaría Informática”. Todo isto, recalca o profesor, “foi posible grazas ao apoio do equipo reitoral e o inxente traballo do meu equipo, e agradezo tamén a axuda do profesorado e do alumnado, que son os alicerces da ESEI”. Por último, Francisco Javier Rodríguez subliña que “estamos moi orgullosos do apoio social recibido” ao longo destes mandatos, sobre todo de institucións como a Deputación e o Concello de Ourense e das asociacións empresariais, e tamén da “gran participación nas actividades non académicas da escola por parte da cidadanía ourensá”.