DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do campus presentarán en Cardiff traballos que recrean as técnicas antigas de produci

En arqueoloxía tamén se fan experimentos

O disco de Urdiñeira e o proceso metalúrxico na Prehistoria son os temas elixidos para os paneis que

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/01/2013

O traballo arqueolóxico abrangue fases moi diferentes co obxectivo último de entender o valor e o significado de cada obxecto ou xacemento. Entre elas está a parte experimental, que pode incluír intentar reproducir unha peza empregando as técnicas e os procesos dos seu creadores orixinais. Membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo amosarán en Cardiff os seus traballos neste eido, concretamente con pezas suntuarias de Urdiñeira e de metalurxia da Prehistoria. Será no 7º Experimental Archaeology Conference, que se celebrará os días 11 e 12 de xaneiro en Gales.

“Na conferencia presentaremos posters de dous traballos. O primeiro deles sobre o disco de Urdiñeira e o segundo sobre un experimento de co-redución de mineral de cobre e estaño que realizamos nas Primeiras Xornadas de Metalurxia Prehistórica Experimental”, explica Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus, que acudirá a Cardiff cos membros do GEAAT Félix González, Silvia González e Aaron Lackinger. “A parte experimental en arqueoloxía é moi interesante. É necesaria para avanzar no coñecemento, para entender como se fixeron os obxectos e para comprender aspectos do comportamento da xente no pasado. Ademais, tendo en conta a importancia da divulgación na nosa área, os experimentos teñen un grande impacto na experiencia do visitante aos museos e incluso se poden empregar como dinamizadores culturais por si mesmos”, destaca a arqueóloga.

O disco de Urdiñeira analizado no CACTI

No primeiro dos paneis, a propia Beatriz Comendador e Aaron Lackinger exporán a súa experiencia co disco de Urdiñeira, unha peza que segundo indican é única polo seu carácter suntuario e vinculado ás elites sociais e polo seu deseño, que pon en evidencia xunto a outros obxectos atopados en Urdiñeira, que o noroeste peninsular tivo amplos contactos con Europa na Idade de Bronce. “Realizamos unha análise deste disco no microscopio electrónico de varrido do CACTI, pertencente á Universidade de Vigo. Este estudo permitiunos “navegar” pola súa superficie e ver cada detalle, cada impureza e a súa composición”, subliña a decana da Facultade de Historia. Froito deste traballo e dos estudos anteriores, apunta, xurdiu a idea de que esta peza creda pola técnica da cera perdida, tal e como Lackinger recreou posteriormente con éxito.

O segundo dos traballos está asinado polos arqueólogos galegos e lusos Aaron Lackinger, Beatriz Comendador, Elin Figueredo, M. Fátima Araújo, Rui Silva e Salvador Rovira e presenta a o experimento que se realizou nas Primeiras Xornadas de Metalurxia Prehistórica Experimental, que se celebraron en Taramundi en maio de 2012. “Entre as diversas accións que levamos a cabo, fixemos un experimento de co-reducción de mineral de cobre e estaño, con malaquita da mina O Seixo (Valdeorras) e casiterita da mina de Penouta (Viana do Bolo). Era a primeira vez que se facía este experimento con mineral procedente de Galicia e os resultados preliminares obtidos pretenden ser o comezo dun futuro proxecto experimental máis sistemático sobre a forma de obter o bronce na Prehistoria", comenta Beatriz Comendador.