DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os carriños están situados na entrada dos principais edificios do campus

Arranca a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros

As doazóns irán ao Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 22/11/2023

Un Nadal máis o campus de Ourense xa ten en marcha a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros. A comunidade universitaria volve a unirse a esta iniciativa froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición na entrada dos principais edificios universitarios os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns.

No lanzamento da campaña este mércores estiveron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Raquel Castro, coordinadora provincial de Xuventude da Cruz Vermella Ourense; Noemí Iglesias, técnica da Asociación Xuvenil Amencer e Isabel Gómez, da Oficina de Voluntariado do campus. As e os representantes das entidades animaron á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral a pór o seu grao de area nesta iniciativa e contribuír a que os que menos teñen poidan ter un mellor Nadal. Así, lembraron como cada ano as recollidas solidarias que se realizan nestas datas permítenlles achegar alimentos, xoguetes e libros a un colectivo moi grande de persoas tanto na cidade como na provincia de Ourense.  

Na súa  intervención, o vicerreitor do campus subliñou o orgullo da institución académica por pór en marcha un ano máis esta acción solidaria en colaboración coas entidades implicadas, lembrando o compromiso da Universidade de Vigo coa inclusión social. Durante a presentación da iniciativa destacouse a longa traxectoria desta recollida solidaria no campus de Ourense, o feito de que é un exemplo de colaboración entre entidades e os bos resultados que dá, facendo fincapé non só na cantidade de alimentos, xoguetes e libros que se recadan senón tamén no que implica de sensibilización e concienciación da comunidade universitaria e, especificamente, do alumnado.

Ata o 12 de decembro

Os carriños de recollida están xa situados na entrada dos edificios do campus (Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e o Edificio de Ferro) ata o 12 de decembro. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan, no caso de alimentos produtos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, galletas, alimentación infantil e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos.