DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Xavier Simón, Félix Juncal e Luciano Guimeráns

Arranca o curso sobre dinamización local pondo en valor experiencias exitosas vinculadas ao monte galego

Apostan por camiñar cara un monte multifuncional que mesture o económico, o social e o ambiental

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 30/06/2017

Pór en valor experiencias exitosas vinculadas ao monte galego e animar a outras persoas interesadas a crear as súas propias iniciativas emprendedores. Este é o obxectivo co que este venres arrancou na Casa do Pobo de Bueu o curso sobre dinamización do monte organizado pola Universidade de Vigo en colaboración co concello de Bueu e a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), unha cita na que, segundo indicaron os propios organizadores, se tratará de deixar claro que actualmente existen moitas oportunidades para desenvolver iniciativas dinamizadoras a partir da utilización sustentable dos recursos locais, xerando emprego e solucionando problemáticas relevantes como a dos incendios forestais ou a do abandono do mundo rural.

A inauguración do curso contou coa participaron do profesor da Universidade de Vigo e coordinador das xornadas, Xavier Simón; o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o presidente da APMM, Luciano Guimeráns, que fixeron fincapé na importancia de “desmitificar a figura do rural”, na necesidade de deixar claro que “no monte hai outras experiencias que deben coñecerse máis aló da silvicultura” e na pertinencia “de pararse a pensar de onde vimos e recuperar o valor da terra que forma parte do noso adn”.

Situación actual do monte galego

Nesta primeira xornada do curso os membros do Grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía Xavier Simón e Damián Copena contextualizaron a situación actual do monte galego, facendo especial fincapé na paulatina desaparición dos usos tradicionais do monte a partir das políticas forestais desenvolvidas pola ditadura desde os anos 50. “Este proceso de forestación masiva con especies de crecemento rápido, potenciado tamén polo Goberno autonómico nas últimas décadas, xerou importantes problemáticas sociais, económicas e ambientais”, salientou Simón.

Nas diferentes intervencións expúxose como os lumes forestais téñense convertido no principal problema ambiental galego. Neste senso, o cambio de modelo de xestión dos terreos de monte é “unha necesidade imperiosa que xa está agromando nas experiencias que se presentan no curso e noutras moitas repartidas polo territorio galego”, recalcou o coordinador.

Experiencias alternativas que apostan pola sustentabilidade

A proposición de estratexias e de ferramentas para o desenvolvemento de iniciativas dinamizadoras no monte ocupou parte da mañá desta xornada. Nas palestras ficou en evidencia que as novas iniciativas de xestión que apostan pola sustentabilidade están vinculadas cunha concepción multifuncional do monte, onde os ámbitos económico, social e ambiental coexisten. Segundo expuxeron, as experiencias alternativas apostan por aproveitar os recursos propios locais establecendo sinerxías coas entidades consumidoras a través dos circuítos curtos de comercialización, da venda local directa e maximizando a participación nas experiencias mediante procesos de acción colectiva. “Certamente, os montes veciñais en man común, as cooperativas de explotacións comunitarias da terra, as asociacións de propietarios e as entidades de custodia emerxen como ferramentas de interese para desenvolver estas novas concepcións do manexo do monte”, recalcou o investigador, ao tempo que salientou como tamén se producen procesos de innovación a través de produtos tradicionais “como está a acontecer co sabugueiro ou coa produción de cogomelos, tal e como se vai poder coñecer de primeira man nas catro xornadas do curso”.

Dúas intensas fins de semana

Xa pola tarde, continuará a programación con Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia de Territorio; David Rodríguez, representante da Asociación Cultural-Ecolóxica de Ridimoas, e Carme Freire e José Carlos Figueroa, de Maisdetres. As actividades continuarán mañá sábado e a vindeira fin de semana, incluíndo varias visitas e experiencias de monte no Morrazo.