DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase ata o 2 de xullo no pavillón de deportes

Arranca o IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense

Coa participación de case 90 xogadoras e xogadores e con presenza internacional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Internacional
  • Premios
  • Deportes
DUVI Ourense 27/06/2023

Este luns pola tarde arrancou no pavillón de deportes a celebración do IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense, que se desenvolverá ata o día 2 de xullo. A cita está organiza el club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e o patrocinio, ademais da propia institución académica, do Concello e a Deputación de Ourense. Son case 90 as persoas inscritas procedentes de países como Letonia, Portugal, Cuba, Bulgaria e España as que participan na cita, destacando grandes mestres como Ilmars Starostits; Vladimir Petkov e Ibragim S. Khamrakulov; mestres internacionais como André Ventura Sousa; Roberto Carlos Gómez Ledo e Lennis Martínez Ramírez e a mestra internacional feminina cubana Jennys Dailin Soler Guerra.

A apertura este luns pola tarde da competición contou coa participación de Jaime Viso, director deste torneo; Ricardo Bendaña, director de área do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, e Bernardino González, asesor de Deportes da Deputación Ourense. O IX Torneo Internacional de Xadrez é un certame aberto que se disputa polo sistema suízo a nove rondas. O ritmo de xogo é de 90 minutos por xogador ou xogadora para toda a partida aos que se engaden 30 segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O certame é válido para Elo Fide e Elo Feda e desenvolverase ao longo da semana con actividade diaria ata a súa clausura o domingo 2 de xullo, ás 15.00 h, aproximadamente. En total entregaranse 5000 euros en premios. Na categoría xeral haberá doce galardóns, estando os tres primeiros dotados con trofeo e 1000, 750 e 600 euros respectivamente. Tamén haberá premios de 150 euros na categoría sub 2000 (2000-1801 Elo Fide); na categoría sub 1800 (Elo Fide); ao mellor veterano e ao mellor local.