DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha xornada de conferencias e de traballo conxunto

Arranca a quinta edición do programa de mentorización de Ciencias Empresariais e Turismo

En Meta alumnado e profesionais comparten tempo, coñecementos e actividades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 24/10/2023

Este martes arrancou unha nova edición, a quinta, de Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense. Este programa de mentorización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense une a mentores (profesionais) e mentorizados (estudantes dos dous últimos cursos de grao) para compartir tempo, coñecementos e actividades co obxectivo de que o alumnado universitario mellore as súas perspectivas e oportunidades laborais, facilitando o seu tránsito da vida académica á profesional.

Para abrir oficialmente a nova edición de Meta, na que colabora Startup Galicia, celebrouse unha xornada que contou con dúas conferencias do seu ciclo Conversas. Na primeira, Lois Babarro, presidente da Confederación Europea de Xóvenes Empresarios, abordou a flexibilidade e iteración para emprender. A segunda, xa pola tarde, contou con Miguel Varela, CEO e fundador de Teimas, para falar de estratexia e innovación no emprendemento. Para pechar a programación, celebrouse eSmorGa con Startup Galicia, un encontro de emprendedoras e emprendedores organizado por Startup Galicia na cafetaría da facultade.

Actividades en grupo e individuais

A dinámica desta edición de Meta, explicou o seu coordinador, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Ernesto López-Valeiras, é a mesma de edicións anteriores. Hai un equipo de mentores e mentoras de moi diversos perfís, abranguendo directivos de grandes empresas, empresariado e emprendedores, sobre todo de Ourense pero tamén de fóra da provincia. Polo que respecta ao alumnado, participa en cada edición un pequeno grupo de estudantes seleccionados nunha convocatoria aberta polo centro e na que se valora fundamentalmente a súa motivación. Este curso son catro as e os estudantes xa elixidos que se incorporan ao programa e que se suman aos que seguen de anos anteriores. En función do seu perfil e das súas inquedanzas e intereses, a cada un destes estudantes se lle adxudica un mentor ou mentora afín por un período de dous anos.

O programa consiste en que durante eses dous últimos cursos da carreira, o estudantado que forma parte del participa nunha serie de actividades en grupo, como conferencias ou presentacións, e actividades individuais cun mentor ou mentora nas que reciben consellos e axuda. Sobre os beneficios que ten para as e os estudantes formar parte desta actividade, desde a súa organización sinalan que o alumnado ten nesta iniciativa a oportunidade de ter contacto coa realidade da empresa, poder coñecer de primeira man a unha persoa con responsabilidades de xestión e aprender dela. Ademais, o feito de estar en contacto cos demais mentores e mentoras do programa, engaden, posibilita ao estudante ter unha rede contactos no mundo empresarial interesante de cara ao seu futuro laboral. “A valoración de Meta é moi positiva, tanto desde a perspectiva do alumnado, que nos amosa o valor que lle achega o programa nos dous últimos anos da súa carreira, como desde a perspectiva dos mentores, que repiten ano a ano e se incorporan novos. Ademais para a facultade é un programa dinamizador das súas actividades”, explica Ernesto López.