DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos tanto ao alumnado como ao persoal de administración e servizos e docente e investigador

Arrancan os cursos do programa e_destrezas para mellorar as competencias dixitais da comunidade universitaria

Con 30 horas de duración, impártense a través de Campus Remoto e a inscrición é de balde

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
M. Del Río DUVI 03/02/2022

Con cursos de 30 horas, en formato virtual e de balde, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria buscar potenciar as competencias dixitais da comunidade universitaria. Trátase do programa e_destrezas, unha iniciativa que naceu en 2019 e que conta coa colaboración do Consello Social e do banco Santander. A finalidade é ofrecer cada cuadrimestre un catálogo de obradoiros que permitan ao alumnado, ao PAS e ao PDI dotarse dunha formación na contorna dixital, algo que na actualidade é xa unha esixencia tanto dos sistemas de ensino universitario no marco da Europa do coñecemento como do mercado laboral. 

A oferta para este segundo cuadrimestre comprende nove cursos, que se imparten a través do Campus Remoto da UVigo, o que permite impartir docencia virtual síncrona a ofertar todos os cursos nos tres campus. Cada un destes programas ten unha duración de 30 horas, que se reparten en seis sesións de catro horas e outras seis horas de traballo autónomo. A información detallada sobre cada un deles así como a matrícula está dispoñible en Campus Activo.

182 participantes no primeiro cuadrimestre

Nos oito curso que o programa e_destrezas ofreceu no primeiro cuadrimestre participaron 182 persoas, e foron as e os estudantes os que coparon boa parte das prazas, 145. Os obradoitos de fundamentos de ofimática con Microsoft Office e de análise e tratamento de datos con Excel cubriron o 100% da prazas ofertadas, mentres que outros os de iniciación ao desenvolvemento de páxinas web con Wordpress, fundamentos de deseño gráfico con Illustrator e Photoshop ou fundamentos de edición de video y sonido digital para la web situáronse no 80% de ocupación.

Inicio das clases esta semana

Esta mesma semana botaron a andar os dous primeiros cursos do programa e_destrezas, entre eles o obradoiro de introdución a ferramentas de tradución asistida por ordenador, MemoQ. Esta formación achega os fundamentos básicos relacionados con este programa de tradución asistida e trata diferentes conceptos básicos como a distinción entre a tradución automática (TA) e a tradución automática asistida por ordenador (TAO) ou os programas máis empregados na actualidade. As clases teñen lugar os martes e xoves en horario de tarde ata o día 17.

Tamén arrancou esta semana o curso de fundamentos básicos de ofimática con Office, que aborda as ferramentas deste paquete de Microsoft para afrontar a elaboración de documentos profesionais ou os traballos fin de grao ou de mestrado. A docencia impártese os luns e mércores pola tarde ata o 21 deste mes.

Mañá venres iníciase a docencia do curso de introdución práctica á impresión 3D, que permitirá que as e os asistentes se familiaricen coa tecnoloxía para deseñar e fabricar as súas propias pezas en 3D, coñezan as novas ferramentas de impresión 3D FDM e aprendan a montar unha impresora 3D desde cero. As clases desenvólvense os sábados pola tarde ata o 11 de marzo.

O día 19 deste mes comezará tamén un curso de aplicación práctica dos conceptos da xestión de proxectos usando Microsoft Project, que ten como obxectivo, a través dun enfoque totalmente práctico, afondar no uso de Microsoft Project 2013 (ou superior) aplicando os conceptos básicos da metodoloxía de xestión de proxectos do PMI baseada no PMBok. A docencia será os sábados pola mañá ata o 26 de marzo.

Cursos en marzo e abril

No mes de marzo impartirase un curso de fundamentos e cálculo científico con Matlab, que pretende transmitir os conceptos básicos de programación con MATLAB & Simulink para principiantes neste eido. Iniciarase ao estudantado nunha linguaxe de programación sinxela e visual e abordaranse conceptos básicos como variables, constantes, fluxo de control etc. A docencia impartirase luns e mércores en horario de tarde entre o 7 e o 23 de marzo. 

Tamén entre o 8 e o 24 do mesmo mes, os martes e xoves pola tarde se poderá asistir ao curso de Python para principiantes. Este obradoiro ten como obxectivo capacitar ás persoas asistentes para desenvolver programas en linguaxe Python que resulten aplicables na súa actividade académica ou profesional. O curso tamén pretende preparar o alumnado para entender código Python escrito por outras persoas e poder afondar no coñecemento da linguaxe de maneira autónoma. 

Outra opción formativa é a iniciación á programación con Scratch e Arduino, que permitirá explorar as novas ferramentas de programación básica. Traballaranse conceptos sobre estruturas de control na programación, extrapolaranse os coñecementos a outras linguaxes e iniciarase ao alumnado na electrónica. As clases serán os venres pola tarde entre o de 18 marzo e o 29 de abril. 

Xa en abril arrancará o curso de fundamentos do deseño con Autocad, a través do cal o alumnado inscrito poderá dotarse de fundamentos de deseño 3D, de forma colaborativa. Abórdanse conceptos relacionados coa elaboración de esbozos, planos, ensamblaxes, etc. nun taller que terá lugar os luns e mércores pola tarde entre o 18 de abril e o 4 de maio. 

O programa e_destrezas complétase cun curso sobre fundamentos de análise e tratamento de datos coa ferramenta ofimática Excel. Traballaranse conceptos relacionados con operacións e funcións básicas e avanzadas, gráficos, análise de datos, vinculación con outras ferramentas de Office etc. A formación será os martes e xoves pola tarde entre o 19 de abril e o 5 de maio.