DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As dúas primeiras semanas de decembro no pavillón universtario

“Arrancando motores” achega a posibilidade de practicar aeróbic, tai chi ou esgrima gratuitamente no campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 26/11/2008

Os bos propósitos non poden esperar ata o mes de xaneiro e, moito máis, cando a Vicerreitoría do campus achega a posibilidade de tomar clases de aeróbic, tai chi ou esgrima gratis ou con prezos simbólicos. Arrancando motores propón este tipo de actividades durante as dúas primeiras semanas de decembro e xa o día 11, o programa concluirá cun maratón de aeróbic benéfico a favor de Unicef e o Comedor dos Padres Franciscanos. Deste xeito, os membros da comunidade universitaria tamén poderán coñecer o novo equipamento do pavillón universitario e prepararse para a chegada do programa Deporte e Saúde ao campus.
Para comezar o día con enerxía, Arrancando motores propón os días 2, 4, 9 e 11, master-clases de aeróbic de 8.00 a 9.15 horas. Para aqueles que o queiran tomar con máis calma, eses mesmos días poderase acudir a sesións de tai chi, de 15.30 a 16.30 horas. As dúas actividades son completamente gratuítas. Logo da medalla de bronce de Pirri nos Xogos Olímpicos de Pequín todos sabemos un pouco máis de esgrima e a Vicerreitoría tamén ofrece a posibilidade de coller a espada e realizar as primeira tocadas. Para este curso, que se celebrará do día 1 ao 4 e do 9 ao 10 de 13.00 a 14.00 horas, cunha última clase o día 11 de 12.00 a 14.00 horas, estableceuse un prezo de 10 euros, unha cantidade simbólica se temos en conta que o material xa vai incluído.
Para realizar a inscrición, os interesados deberían dirixirse ao Servizo de Deportes da Escola Técnica de Enxeñaría Técnica Forestal e poderán recadar máis información a través das páxinas do Servizo de deportes (www.deportes.uvigo.es) ou do Campus de Pontevedra (www.campuspontevedra.uvigo.es).

Deporte e solidariedade

Como broche de ouro deste programa deportivo, o día 11 celebrarase un maratón de aeróbic a favor de Unicef e do Comedor dos Padres Franciscanos. Para participar nesta iniciativa, que tamén se realizará no pavillón universitario, deberá achegarse como donativo a cantidade simbólica de 1 euro para axencia das Nacións Unidas ou 1 quilo en especies para o comedor.

Novo equipamento do pavillón universitario

O pavillón universitario sufriu unha remodelación e renovación do seu equipamento agora que está aberto a toda a comunidade universitaria. Conta cunha sala de cardio-fitness amplamente equipada con todo tipo de máquinas (bancos abatibles, multipower de discos, tren de poleas, remo-ergómetro, barra olímpica, barras de alzamentos, bicletas elípticas e magnéticas, prensa horizontal, press de ombros e flexión e extensión de pernas. Deste xeito estudantes, profesores, investigadores e PAS do campus estarán ben preparados cando en xaneiro chegue a Pontevedra o programa Deporte e Saúde que ofrecerá un seguimento profesional, tanto a nivel médico como de actividade física, na práctica deportiva.