DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Valín vén de reeditar o libro 'Masonería y revolución. Del mito literario a la realidad hist

Arredor de 300 membros manteñen viva a masonería en Galicia

O docente da Facultade de Historia é un dos investigadores máis destacados en loxas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/03/2012

En Galicia hai arredor de 300 masóns, en España preto de 3000 e no mundo a cifra ascende a uns sete millóns. Segundo os expertos neste eido a masonería está actualmente nunha fase de decadencia pero sen embargo a súa existencia segue rodeada dun halo de misterio que esperta a curiosidade de moita xente. Para axudar a esclarecer a súa historia e o seu funcionamento, Alberto Valín, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, vén de reeditar o seu libro Masonería y revolución. Del mito literario a la realidad histórica. Unha excelente oportunidade para achegarse á masonería desde unha visión rigorosa e clara.

“A importancia deste libro radica que en que é o primeiro da bibliografía universal que demostra o mito que existía na historia de que detrás da Revolución Francesa estaba a masonería”, destaca Valín. Na identificación e demostración deste feito, o docente ourensán salienta que “curiosamente a cidade da Coruña ten o seu espazo de protagonismo co pronunciamento de Riego no ano 1820 e coa loxa masónica desta cidade, Los Amigos del Orden”. Segundo explica, o ideario liberal difundiuse desde a cidade herculina a toda Europa a medida que se expandían as ideas da revolución.

Neste repaso pola historia da masonería, o docente engade ademais o seu peso no nacemento de institucións como a Real Academia Galega, sendo masón o seu primeiro presidente, Eugenio Carré y Aldao, e moitos dos seus membros históricos, como Curros Enríquez e Fontenla Leal. Tamén apunta ao seu papel na política, un campo “onde a masonería tivo moita trascendencia pola súa permeabilidade no tecido político do país no pasado e na actualidade, pertencendo a ela como membros, activos ou non, coñecidos políticos españois”.

A discreción e o segredo

Fascinado pola estrutura mental do masón e das súas interrelacións sociais, Valín salienta que alén dos feitos históricos, a masonería é un fenómeno apaixonante de coñecer. Quizais, explica, o motivo último que leva ás persoas a pertencer a unha loxa é “a íntima atracción polo oculto” cultivada na masonería. “Os masón defínense como discretos porque gardan o segredo do rito, do ritual de entrada na loxa, pero agora xa non teñen reparos en saír á luz pública, incluso nos medios de comunicación”, explica Valín. Cada iniciación, destaca, “é unha experiencia persoal primordial, unha especie de psicodrama que lles marca para toda a vida”.

Alén do misterio, o outro gran atractivo que xustifica a supervivencia das loxas ata a actualidade é “o compromiso dos seus membros con ser solidarios e bondadosos ata o final, de loitar por un mundo de fraternidade algo utópico ás veces”. Segundo explica o docente ourensán ser masón significa “ter casa en calquera sitio do mundo”, dispoñer dunha rede de solidariedade internacional que aínda hoxe, "coa masonería en fase de decadencia", segue funcionando.

Despois de décadas estudando a masonería galega, española e internacional, Valín recoñece que nun momento dado e porque “esteticamente gustábame a idea”, estivo a piques de aceptar formar parte dunha loxa masónica de Londres. Finalmente rexeitou a idea porque, aínda que lle permitiría acceder a nova información e experiencias, iso significaría “deixar de escribir coa liberdade que o fago sobre a masonería”. Unha liberdade que lle permitiu acumular ata o de agora unha extensa bibliografía neste eido.