DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso do Módulo Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo

Arredor de 80 persoas fórmanse en política e dereito ambiental da UE

Cada venres desde o 23 de febreiro e ata o 3 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 01/03/2024

A terceira e última edición do curso do Módulo Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo xa está en marcha. Cada venres, desde o pasado 23 de febreiro e ata o 3 de maio, 40 persoas de xeito presencial e outras tantas a través do Campus Remoto da UVigo, participan nesta formación sobre política e o dereito ambiental da UE.

A actividade, de 40 horas de duración, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola mesma docente. O perfil do alumnado inscrito sigue a tónica de anteriores edicións e destaca pola súa multidisciplinariedade. Así, á modalidade presencial asisten sobre todo estudantes do campus de Ourense (principalmente dos graos de Dereito, do PCEO Ade-Dereito e de Ciencias Ambientais) e na modalidade en liña traballadoras e traballadores de ámbitos diversos, destacando o académico. “Esta edición é a que máis inscrición acadou”, indica Laura Movilla, apuntando que unha das posibles causas deste incremento e o interese que está suscitando a política ambiental europea a raíz das protestas do sector agrícola, “que están motivadas en parte polos requisitos ambientais a ese sector no marco da estratexia ‘da granxa á mesa’ do Pacto Verde Europeo”.

Ao longo das dez sesións do curso, especialistas das universidades de Vigo, Murcia, Valladolid e Universitat de Barcelona abranguerán temas que van desde a introdución á axenda global de medio ambiente e a sostibilidade ata a UE como líder ambiental global, pasando por aspectos como a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario; as enerxías limpas e mobilidade ou a loita contra a contaminación e o fomento da economía circular. O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019, explican desde a organización do módulo, representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén, engaden, pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE, e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente, apostando por unha transición "xusta e inclusiva".

Non só un tema ambiental

A sesión deste venres estivo ofrecida pola propia Laura Movilla e centrouse en ofrecer unha introdución á temática obxecto do curso, a política e o dereito ambiental da Unión Europea. A programación, comenta a docente, “é moi útil para entender mellor todas as políticas que se están desenvolvendo desde o Pacto Vede Europeo e que van máis aló de cuestións puramente ambientais, porque realmente o que se pretende lograr é nada menos que un cambio do modelo de crecemento económico que permita alcanzar a neutralidade climática en 2050 e un crecemento desasociado do uso dos recursos”. A maioría das sesións, comenta a coordinadora da actividade, son impartidas por profesorado do ámbito xurídico e nelas “facemos un esforzo por transmitir todas estas medidas europeas e os debates ao seu ao redor a un público diverso e que non ten que ter coñecementos xurídicos previos”. Ademais, engade, non falta a visión interdisciplinar, na que se discute o pacto desde o punto de vista da historia, a ecoloxía e a economía, algo que complementa a visión máis xurídica e evidencia tamén o carácter multidimensional deste pacto. “Cremos que é esencial entender o que motiva todas estas políticas, como se formulan, o contexto internacional máis amplo no que se adoptan e os mecanismos a través dos que podemos participar como cidadáns na súa formulación e implementación”, afirma por último Laura Movilla.