DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurada hoxe, a sala irá mudando de pezas ata o peche da Bienal en setembro

Arrinca a 31 Bienal incluíndo unha sala exclusiva para o alumnado de Belas Artes

Propón un espazo vivo e de creación colectiva en torno á frase "Todos somos negros"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 04/06/2010

A 31 Bienal de Arte de Pontevedra abriu hoxe as súas portas atraendo unha multitude de miradas. Publico especializado e afeccionado ateigou a entrada do Edificio Sexto do Museo de Pontevedra antes das intervencións das autoridades, encabezadas pola do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Co título Ut(r)ópicos e con sedes en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, esta edición reúne dez exposicións coa participación de máis de cen artistas para achegar unha visión das singularidades socioculturais de Centroamérica e o Caribe, deixando tamén un espazo para o diálogo cos artistas do país. Entre eles, o alumnado da Facultade de Belas Artes, que dispón dunha sala propia baixo o título Todos somos negros. A súa proposta é un proxecto de creación colectiva ao redor desta proclama da revolución independentista de Haití. En plena celebración do bicentenario das declaracións de independencia americanas, estes artistas pretenden recuperar a historia silenciada e chamar a atención sobre a situación actual, coa proliferación de brotes xenófobos. Para isto, ata o peche da Bienal en setembro, pasarán pola sala 26 obras diferentes, abordando o espazo como un work in progress continuo.
O comisario da Bienal, Santiago Olmos, definiu a Facultade de Belas Artes como “un socio imprescindible e un gran soporte”. Destacou a súa participación activa na Bienal tanto con proxectos artísticos como educativos, “xerando un espazo vivo e de debate”.

Tipografías tridimensionais e mapas do mundo negros

Protagonizaron a apertura da sala sete deses traballos. Un deles é Tipografía tridimensional de Laura Lorences, que anega toda a sala co título da mostra. Conta que compuxo a frase con letras de tipografías distintas construídas en volume. “A través das diferentes xeracións de tipos de letras, desde as clásicas ata as máis contemporáneas, busco falar tamén das diferentes xeracións de persoas que conviven nun mesmo lugar, igual que nos sucede a nós mesmos dentro da facultade”, explica.
Damián Eiras é coautor da peza Ollos negros xunto con César Barbolla e Santiago Novas. Trátase dun vinilo de 5 por 3 metros, que representa o mapa do mundo en cor negra, cuns douscentos ollos repartidos pola súa superficie. “Quixemos recoller esa idea que adoita saír na prensa e que empregan os fotógrafos para amosar o sentimento dun país a través da mirada dos nenos”, sinala Eiras. Así mesmo, os autores animan ao público a deixar unha cita escrita en branco sobre o mapa. Para romper o xeo comezan eles mesmos a acción con tres propostas: “todos os homes nacen iguais, pero esa é a última vez que o son”, de Abraham Lincoln; “se non hai café para todos, non hai café para ninguén”, do Ché Guevara; e “cando a cor da pel teña a mesma importancia que a dos ollos deixará de haber guerras”, de Bob Marley.

Achegar a Bienal á xentre a través de Facebook

Angela Búa, Diego Castelo, Patricia Fernández, Maite da Vila, Néstor Domínguez, Daniel Cerecedo e Rebeca Díez botaron man das redes sociais para xestar a súa peza. Crearon o grupo de Facebook Radiografías “para chegar a onde realmente está a xente, transmitirlles o que é a bienal e conseguir que participen propoñendo actividades”. O seu proxecto virtual inclúe tamén a páxina Pontevedra de Museo, unha sorte de museo virtual, construído tamén coa colaboración colectiva e que rastrexa o mapa da cidade sinalando onde hai arte.
KKK é o título da obra de Olivier Requeijo e Sandra Segade. Un monte de cruces de madeira queimada xacen no chan baixo tres sogas con tres capirotes brancos. “Quixemos lembrar as accións brutais que facía o Ku Klux Klan para denuncialas e para amosar que hoxe xa non hai medo”, comentan.
Pola súa parte, Fruela Alonso traballará en vivo na sala durante quince días para realizar unha pintura de gran formato dunha paisaxe urbana desas onde parece que nunca pasa nada.