DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrouse a campaña ‘Noite Branca’ promovida polo Concello e a Facultade de Belas Artes

Arte na cesta da compra do Nadal

Alumnado do centro fomentou o consumo en comercios locais e tamén organizou un mercado propio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 20/12/2012

Que se entenda a arte como algo cotiá e accesible. Este propósito foi o que animou a alumnado da Facultade de Belas Artes a participar na campaña Noite Branca, unha iniciativa promocional que ten lugar este xoves na cidade pontevedresa co obxectivo de dinamizar o comercio local e ao mesmo tempo visibilizar o talento dos novos artistas. Promovida polo Concello e pola Universidade, a actividade congregou a varios estudantes e egresados da facultade que ademais de intervir en varios escaparates dos establecementos participantes, venderon as súas creacións nun mercado artesanal organizado para a ocasión na Oficina de Turismo da cidade.

Roupa, bolsos, paxarelas, xoias, cadros e ata doces se poden mercar nestes postos “que venden puramente talento desta facultade”, comenta un dos estudantes que colabora na iniciativa. Cun grande abano de prezos, o alumnado resalta por riba de todo o valor do feito a man, “aquí é todo artesanal”, destaca. Dende a Facultade de Belas Artes defenden que este tipo de iniciativas axudan a que a cidadanía coñeza de primeira man os proxectos creados por artistas emerxentes, decatándose de que a arte “non está tan lonxe como a xente pensa pois pódese agasallar nestas datas cunha obra orixinal por 25 ou 30 euros”, sinala Silvia García, vicedecana de Relacións Institucionais e Cultura do centro, combatendo a súa concepción máis elitista e pechada de galerías de arte e museos e achegándoa “ao día a día da poboación”, apunta Marta Cerviño, unha das estudantes que colabora en Noite Branca.

Ademais de proxectar o seu talento, este mercado supón para os novos artistas unha nova vía de emprendemento coa que dar percorrido ás súas creacións. “Todas estas iniciativas son moi importantes para nós porque nos permiten explicar que os artistas tamén somos profesionais que facemos produtos para logo vender”, engade Cerviño. En total, 10 postos de venda abertos de 9.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas atendidos en todo momento por estudantes de Belas Artes e de Esdemga que non dubidan en asesorar ao cliente con atinados consellos “para que merque un agasallo único e irrepetible”.

Escaparates con arte

Esta campaña promocional tamén busca animar o consumo nos comercios locais do centro da cidade de aí que dende a Concellería de Promoción Económica se pedise colaboración á facultade para que varios alumnos e alumnas decoren co seu talento algúns escaparates dos locais da zona. Hugo Aldatz, Marta Cerviño, María Prada, Marta González, Fortes e O´Ras foron os seleccionados para intervir nos establecementos e “crear auténticos lenzos de cristal” co propósito de chamar a atención dos viandantes e animalos a entrar. Toda esta estratexia de atracción vai acompañada de descontos no prezo en determinados produtos das tendas ademais dun horario especial de apertura ata as 22.00 horas.

Marta Cerviño e María Prada deseñaron a súa proposta nunha farmacia e droguería da Praza de Curros Enríquez, “en pleno centro da cidade”, salientan, “o que nos permite proxectarnos como verdadeiras artistas e que nos valoren como tal”. Destacan que grazas a esta liña de colaboración co Concello é sinxelo e factible introducir o concepto de arte na vida diaria da cidadanía, “na súa actividade cotiá e que cheguen a vela case como familiar”, reflexiona María Prada que deseñou unha cortina de papel pregado para o seu escaparate. En canto aos comerciantes, moi “ilusionados e participativos coa campaña”, subliñan as alumnas, xa que se trata “dunha idea simple, sen gastos engadidos que beneficia tanto aos estudantes como pode favorecer á venda”.