DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Sexto Edificio acolle a mostra dos traballos elaborados polo alumnado do máster de Belas Artes

A arte e a creación contemporánea conquistan o Museo de Pontevedra

O estudantado tamén deseñou e elaborou o seu propio catálogo coa axuda do profesorado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 03/10/2013

15 alumnos e alumnas da terceira edición do mestrado en Arte Contemporánea. Creación e Investigación presentaron este xoves unha escola dos seus traballos de fin de máster baixo o título Iso segue o seu curso 2013. O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu un concurrido acto de inauguración no que ademáis dos protagonistas, moitos deles pouco ou nada habituados a amosar os seus traballos en público, tamén estiveron presentes os coordinadores da mostra, o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, a vicedecana Silvia García, a profesora Almundena Fernández Fariña e o tamén docente e vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade Ignacio Barcia.

Tampouco quixeron faltar á cita o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, entre outras autoridades.

Para o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, a oportunidade de expoñer nun espazo como o Museo “supón un reto para cada un destes mozos e mozas que deben amosarlle ao público pontevedrés o seu traballo de xeito profesional”. Para iso, ademais de colaborar na coordinación da mostra, estes 15 estudantes participaron na elaboración e posterior publicación dun catálogo no que se recollen as súas pezas. Para moitos deles, cursar o mestrado que se imparte neste centro “é darlle continuidade á formación recibida no grao ou especializarse no eido da investigación”, explica Meana.

Cuestión de marca e prestixio

“A Universidade de Vigo está entre as 400 mellores universidades de todo o mundo segundo o ránking elaborado pola prestixiosa revista británica The Times”, salientou o reitor, Salustiano Mato nada máis comezar a súa intervención. Postos en listas desta categoría só se poden conseguir grazas ao traballo constante do profesorado e do persoal investigador de centros coma Belas Artes, unha facultade que figura entre as cinco mellores do estado español, destacou. Para o reitor, éxitos coma este “fan que os nosos egresados leven con orgullo polo mundo adiante o nome da nosa Universidade co respaldo dunha marca forte e con prestixio”.

Tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, animou aos mozos e mozas a continuar formándose no eido artístico sendo conscientes do papel do arte como “elemento necesario” nos procesos de democraticación das sociedades modernas. Do mesmo xeito, Vázquez convidounos a seguir explorando as súas capacidades críticas a prol dun pobo ao tempo que lles agradecía o seu interese por coñecer máis de preto o arte contemporáneo.

Talento e creatividade

Aínda que para Diego Germade e Eugenia Suárez esta foi a súa primeira exposición ningún deles quería denotar certo nerviosismo en ningún momento. A memoria e o paso do tempo protagonizan as pezas destes dous alumnos do máster Arte Contemporánea. Creación e Investigación que poderán visitarse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o vindeiro domingo día 3 de novembro. Un conxunto de portas de madeira vellas e outras reconstruídas son o símil de Germade para explicarlle ao público como pasa o tempo e como a memoria pode reconstruír as súas propias lembranzas, explica este arquitecto namorado da arte na súa expresión máis pura.

A súa compañeira Eugenia Suárez elixiu unha videocreación para presentarse ante o público pontevedrés. Tres proxeccións nas que aparecen un ordenador, uns aguacates e unha vela son o xeito no que a artista amosa tamén o paso do tempo xa que o aparello informático queda rapidamente obsoleto, a froita podrece e a vela consómese.