DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous estudantes de Belas Artes realizaron unha intervención artística en dous espazos do CHOP

A arte entra no hospital para achegar benestar a pacientes e familiares

As obras realizáronse na sala de coidados paliativos e na zona de día de psiquiatría

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 17/06/2014

Unha paisaxe definida polas árbores e o mar que obriga a levantar a cabeza e, inconscientemente, abstraerse durante un instante da difícil situación que implica atoparse nunha sala de coidados paliativos. Un milleiro de grúas de papel que enchen de vitalidade a zona de día de psiquiatría do Hospital Provincial. Son estas as intervencóns artísticas que dous alumnos da Facultade de Belas Artes, Guillermo Toucedo e Lucía Ferreirós, realizaron neste centro sanitario pontevedrés no marco do proxecto de colaboración entre a instituición académica e a hospitalaria co obxectivo de achegar “un certo benestar aos nosos pacientes e aos seus familiares”, como explica José Manuel González, xerente da Área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés do Servizo Galego de Saúde.

O labor que estes dous estudantes realizaron durante os últimos meses no marco dos seus traballos de fin de grao foi presentado este martes en rolda de prensa polo decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, e o propio González, que explicou que esta colaboración parte da necesidade que existía neste centro hospitalario de “humanizar” determinados espazos. A partires de aí, ofreceuse ao alumnado a posibilidade de desenvolver os seus proxectos de fin de grao nunhas instalacións hospitalarias que, como explicou Meana, lles permiten “vivir unha experiencia de traballo real” que lles obriga ademais “a unha interrelación co persoal sanitario, que é o que coñece o espazo e o traballo que alí se realiza”.

Un lugar no que levantar a vista

Coa profesora Loreto Blanco como titora, Guillermo Toucedo desenvolveu na sala de paliativos do Hospital Provincial un proxecto titulado Pintura terapéutica. Harmonía e distensión mental en espazos sanitarios, que tiña como obxectivo “abrir un espazo que antes resultaba pouco agradable, o que facía difícil separalo da situación que nel están a pasar tanto pacientes como familiares”, relata. O mar, as montañas ou as árbores foron algúns dos elementos seleccionados por este artista para dar forma a unha paisaxe na que buscaba “cada elemento tivese unha simboloxía e que, en esencia, resultase unha imaxe agradable”. Así mesmo, todo aquilo que este estudante foi plasmando nas paredes da estancia respondía a un “esquema compositivo que fai que elevemos a vista ao teito e, inconscientemente, adoptemos unha actitude corporal máis positiva que se estivésemos mirando cara o chan”. Por iso un paxaro que simboliza a alma aparece pintado no teito dunha estancia na que Toucedo viviu unha experiencia enriquecedora, “pero tamén dura moitas veces, porque chegas a involucrarte persoalmente”, recoñece.

Unha intervención na que os pacientes son tamén os autores

“Desde o primeiro momento, tiven claro que quería traballar cos pacientes”, salienta Lucía Ferreirós, que baixo a supervisión da profesora Paloma Cabello, levou a cabo o proxecto 1001 grúas no hospital de día de psiquiatría. Como relatou nesta presentación, este proxecto ten como punto de partida a lenda de Sadako, “que di que se fas mil grúas de papel o desexo que pediches cúmprese”. Neste caso, a súa pretensión era contribuír a “que os pacientes se sentisen partícipes” dunha intervención artística que buscaba “fomentar a súa autoestima, xa que foron eles realmente os que melloraron o ambiente creando algo algo belo entre todos”.

Por iso, a primeira fase deste proxecto consistiu nun taller de origami no que os pacientes aprenderon como elaborar as grúas de papel que agora se atopan expostas en vitrinas nas estancias desta zona do hospital. De aí que Ferreirós incida en que este "é un traballo que fixemos conxuntamente e que resultou unha experiencia positiva, xa que implicáronse moito”. De feito, eles e elas son os autores dese millar de grúas, mentres que a 1001 “é a miña achega ao resultado final”, apuntou esta artista.

Unha liña de colaboración que transformará o hospital

Antes de visitar os espazos nos que se levaron a cabo as intervencións, tanto Meana como González manifestaron a súa vontade de que a liña de colaboración que se vén de abrir con estes dous alumnos teña continuidade nos próximos cursos e permita a dotar ao hospital “dunha contorna un pouco máis acolledora”, como salientou o xerente, para o que “este é un proxecto que pode ter un longo percorrido”. Na mesma liña pronunciouse Meana, que avogou por “afondar nesta liña de traballo”, á que agarda que se vaia incorporando un maior número de alumnos e alumnas nos próximos cursos.

Neste senso, o decano de Belas Artes incidiu en que esta colaboración co Hospital Provincial responde ao obxectivo de “abrir a Universidade ao contexto social, algo que sempre temos presente”. Recalcou Meana que iniciativas como esta permiten ao alumnado achegarse a unha “situación real de traballo”, na que existen unha serie de condicionantes de espazo, de uso, de orzamento ou da propia coordinación co persoal que alí se atopa traballando, xa que “en ningún momento se paralizou a dinámica do día a día nestas zonas”. Así mesmo, esta actividade tamén permitiu a Toucedo e Ferreirós traballar man a man co persoal do hospital, o que supón, segundo Meana, “unha boa experiencia para distanciarnos desa idea romántica de que o artista está no seu taller traballando a expensas de que a inspiración chame a súa porta e seguir camiñando na dirección de fomentar as relacións con outros gremios profesionais, que resultan moi enriquecedoras”.